O Correlingua colle impulso na Estrada

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

miguel souto

Preto de 1.800 alumnos de once centros tomaron as rúas na primeira etapa da carreira pola saúde do galego

04 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada acolleu onte a primeira etapa do Correlingua, a carreira polo galego que se celebra en vilas de toda Galicia sen ningún afán competitivo. Non se trata de chegar pronto á meta senón de percorrer as rúas facendo da lingua unha festa, para espertar na rapazada o impulso galegofalante que as estatísticas non reflicten.

O Correlingua estreouse con bo pé. Preto de 1.800 alumnos de once centros da Estrada, Forcarei e Silleda concentráronse na Praza da Feira para percorrer despois a vila presumindo do galego.

Os alumnos do CEIP do Foxo amosaron carteis con palabras relacionadas coa tecnoloxía. Na escolla, decatáronse de que aínda hai moitos novos termos para os que o dicionario non recolle entrada en galego. Os estudantes do CEIP Cabada Vázquez puxeron no peito palabras vinculadas ó patrimonio. De árbores senlleiras, de instrumentos tradicionais ou de lendas representadas no colexio. Os de Oca, termos en relación co Pazo de Santa Cruz de Rivadulla. Oliveiras, fontes e nobres coma Domingo de Andrade ou Diego de Romay saíron a relucir. O Pérez Viondi apostou pola diversidade. Cada clase escolleu unha temática. No Figueiroa, en cambio, a música foi a protagonista absoluta. «A lingua non para de cantar e bailar», dicían as pancartas. Daban no cravo. O galego foi unha festa.