O Correlingua arranca hoxe na Estrada coa participación de 1.800 rapaces

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

miguel souto

03 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Arredor de 1.800 alumnos, mestres e profesores dos centros educativos da Estrada, Forcarei e Silleda participarán hoxe no Correlingua, a carreira polo galego que este ano comeza o seu periplo por Galicia no concello estradense.

Nesta festa que na Estrada vai pola décimo oitava edición participan once centros educativos da zona. Son o CEIP Figueiroa, o de Oca, o do Foxo, o Cabada Vázquez de Codeseda, o Villar Paramá de Vea e o Pérez Viondi. Estarán ademais os IES García Barros, Antón Losada, Número 1, Chano Piñeiro de Forcarei e Pintor Colmeiro de Silleda.

O programa arranca ás 10.30 horas coa chegada dos centros participantes á Praza da Feira. Ás 11.00 horas a actriz Isabel Risco presentará a actividade. De seguido a comitiva tomará as rúas da Estrada. Os pequenos de Infantil estarán de volta na praza ás 11.15 horas. Os nenos de Primaria farán un percorrido máis longo e regresarán ás 11.45 horas. Ás 12.00 terá lugar a lectura do manifesto e dez minutos despois actuará o grupo Bolboreta, o gañador do concurso Cantalingua deste ano.

A actividade rematará cunha solta de globos con mensaxes, para espallar o galego alá onde os leve o vento.

O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica de Galiza, a Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, que pretenden dinamizar o galego entre a rapazada.