O Correlingua xuntará a 1.800 rapaces na Estrada o 3 de maio

o. p. A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

rober amado

Participarán 11 centros educativos, tamén de Silleda e Forcarei

18 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os centros educativos inscritos no Correlingua 2018 da Estrada reuníronse onte para perfilar detalles do certame, no que o xoves 3 de maio arredor de 1.800 rapaces, mestres e profesores dos Concellos da Estrada, Forcarei e Silleda celebrarán a festa final do Correlingua na súa décimo oitava edición na localidade. Esta actividade educativa, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Mesa pola Nomalización Lingüística e CIG-Ensino, pretende dinamizar o uso do galego entre a rapazada e a mocidade.

Dende hai anos, e dada a implicación do conxunto da comunidade educativa do concello estradense, o Correlingua é un referente para nenos e nenas que, unha vez ao ano, participan con ilusión nunha marcha en defensa do uso do galego como lingua vehicular da rapazada: «Nos centros, a actividade do Correlingua non é exclusivamente o día da carreira senón que, e dende ben antes, usando como pretexto o Correlingua, abórdanse diferentes propostas didácticas e pedagóxicas para traballar cuestións de índole lingüística, procurando así unha maior normalización do noso idioma entre o alumnado», sinalaban onte dende a organización.

Actividades previas á carreira

E nese senso, sosteñen que acadan realidade diferentes propostas nas que traballan os centros de ensino antes da carreira, como os concursos do manifesto, do Cantalingua, de banda deseñada ou a participación no deseño e pousado ante o photocall, iniciativa que fixo que centos de nenos se fotografasen para subiren ás redes sociais o seu apoio ao galego.

Este ano manterase o formato de anteriores edicións, coa participación de 11 centros educativos e arredor de 1.800 corredores. Estarán os colexios de Figueiroa, Oca, O Foxo, Cabada Vázquez, Villar Paramá, Pérez Viondi, e os IES García Barros, Antón Losada, Nº 1, e o Chano Piñeiro de Forcarei e Pintor Colmeiro de Silleda.

O manifesto deste ano é un rap creado polo alumnado de 3º C de ESO do IES Antón Fraguas de Santiago.