Manoele de Felisa musica poemas de Xosé Luna no seu novo disco

o. p. A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

O. P. Arca

«A Estrada da vida» preséntase o 11 de maio no Principal

17 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manoele de Felisa ultima o seu sexto disco, un libro-cedé no que musica poemas de Xosé Luna, como antes tiña feito con versos de Roberto Blanco Torres, Neira Vilas ou Rosalía Morlán. O cantautor sinala que abandonou a súa melancolía para buscar un son máis pop, máis movido porque deste xeito percibe a poesía de Luna, nun traballo que ten chiscadelas ao son do fado e do mar en composicións como Un bico no faro, coa participación de María do Ceo, ou ao reggae en Quenta o sol, con Xiana Lastra de A Banda da Loba. O tema que dá título ao disco, A Estrada da vida, conta coa participación da Coral de Berres, un poema que Luna adica á memoria de Olimpio Arca porque era dos que máis lle gustaba. E tamén unha pandeirada con A Roda. «Estamos na fase final do disco, gravado en Edisco e noutros estudios. Contamos telo rematado nun mes, e teremos a presentación oficial o venres 11 de maio no teatro Principal da Estrada», sinala Manoele de Felisa, que tentou plasmar «o camiño da vida en torno a Xosé, e a calquera persoa da nosa época».

Pola súa banda, o escritor suliñou a honra de que un artista como Manoele de Felisa escollera os seus versos «non só para poñerlle música, foi algo máis, un traballo de campo grande facendo unha escolma da miña obra en trece ou catorce cancións. O traballo de Manoele, parte dese camiño, desa estrada da vida está nesa escolla». Foi o cantautor quen elexiu o título, e suliña Luna con coa sensibilidade exquisita do compositor captou todo o contido dos seus versos. E que sensación ten o poeta cando escoita a súa obra cantada? «Eu síntome moi ben, moi satisfeito. Dicía Neira Vilas que a poesía chega moito pero cando colle rango de música, viaxa. Eu acredito en el», conclúe.

No que se refire ao libro que acompaña ao disco, inclúe textos de prosa poética; está prologado por Xosé Manuel Lobato Martínez, con ilustracións de Amalia López Brea, Luchi, e fotos de Anxo Rodiño. No terreo musical deste traballo que os seus autores califican como «moi optimista, para ver o lado positivo da vida», conta entre outros con Pablo Vidal, Willy Mondeja, Rei, Rafa Otero, Cibrán Seixo, Cristian García, Pablo Domínguez, Silvia Montes ou Alberto Cancela, xunto as xa sinaladas de María do Cedo, A Roda e Xiana Lastra. Conta co apoio de Artesón Producións, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Bamarti, A Porta do Sol e os Concellos de A Estrada e Cuntis.