Un escudo converteu en pazo a residencia da familia Sánchez Catón en Oleiros

daniel gonzález alén LALÍN

A ESTRADA

Daniel González Alén

O persoeiro máis ilustre foi Francisco Javier Sánchez, historiador, crítico de arte e director do Museo do Prado

04 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na parroquia de Oleiros a orelas do río Deza, ten o seu pazo a familia Sánchez Cantón, unha boa e ben coidada construción de cantería que foi casa señorial e que os propietarios converteron en pazo ao dotalo dun escudo que trouxeron doutra casa en Santa Cristina de Vea (A Estrada) que fora derruída e pertencera aos Cervela que emparentaron Sánchez de Oleiros, no que figuran as armas dos Zárate Súarez e unha inscrición coa data de 1699.

O persoeiro mais ilustre desta familia foi Francisco Javier Sánchez Cantón (1871-1971), recoñecido historiador e critico de arte, que ostentou entre outros importantes cargos o de director do Museo del Prado, do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, da Real Academia da Historia e membro da de Bellas Artes. Doutor en filosofía e catedrático de Historia del Arte exerceu nas Universidades de Granada e Madrid, sendo distinguido con numerosas condecoracións españolas entre as que destaca a Gran Cruz de Alfonso X El Sabio e tamén estranxeiras. Foi patrón fundador do Museo de Pontevedra ao que legou o seu arquivo e biblioteca persoal, e a cidade do Lérez onde nacera distinguino coa súa medalla de ouro e púxolle o seu nome ao IES Sánchez

Cantón un dos primeiros cos que contou a capital de provincia. Da súa relación coa comarca de Deza aparte das numerosas visitas que fixo a residencia paterna de Oleiros destaca a súa mediación para que saíse a luz a publicación Petroglifos de Lalín en 1956, na que Ramón Sobrino e Martinez López daban a a coñecer os gravados de Breixa (Silleda) e Trabancas (Agolada) segundo acredita unha carta-documento datada en 1958 que ilustra esta reportaxe.

Doutor en Filosofía e Letras, catedrático da Universidade de Granada. Subdirector (1922-1960) e director (a partires de 1960) do Museo do Prado. Membro da Real Academia Española, da Academia das Belas Artes e da Real Academia da Historia, esta última da que foi director. Director do Instituto Pai Sarmiento de Estudos Galegos e vicedirector do Instituto Diego Velázquez de Historia das Artes.

Tamén merece unha mención o seu pai Francisco Javier Sánchez Cervela (1860-1934), que naceu nesta casa de Oleiros e foi catedrático e profesor en Pontevedra e Ourense, colaborador na prensa de entón que por si só tamén merecía un artigo que deixamos para outra ocasión ao igual que outros valores patrimoniais da parroquia coma os petroglifos do entorno do Castro Montaz que xunto aos das das Orelas e o da Devesa testemuñan a importante pegada dos antigos habitantes nestas terras; a igrexa parroquial con interesantes restos da primitiva románica ou as pontellas e muíños que se agochan nas ribeiras do rio Deza que ofrece fermosas paisaxes de ribeira no lindeiro coas parroquias lalinenses de Anseán e Cristimil.

Orixinariamente os desta casa fidalga eran os López Pulleiro aló polo século XVI que emparentaron cos poderosos Sánchez da casa de Cercio, Rielo-Palmou e Donfreán en Lalín e coas de Carballeda-Taboada e Campo en Silleda, lugares nos aínda se atopan veciños con este apelido na actualidade e que poden proceder na maioría desa rama de Cercio.

Cando visitamos a primeira vez este pazo a finais dos anos 70 era residencia de verán da familia, sendo a súa dona María del Pilar Sánchez Cantón Lenar, filla do coronel Luís Sánchez Cantón de quen herdara a casa, que nos foi mostrada para incluíla posteriormente no inventario de pazos e torres de Deza. Destacaba o pazo polo seu portalón almenado que daba acceso a un patio no que había unha grande pía bautismal procedente da antiga igrexa parroquial e unha espléndida escaleira pola que se accedía a unha fermosa solaina.

No interior da vivenda o mobiliario modesto e decoración sobria e respectuosa co monumento e a súa época. Dende os balcóns da planta alta podíase ollar unha ampla panorámica da ribeira do Deza e os ben coidados xardíns, cunha eira empedrada e hórreo de catro claros e ao carón unha fonte de cantería a que chegaba auga dunha mina.

Merecería tamén unha mais ampla reseña a devandita María del Pilar Sánchez-Cantón Piluca, recentemente falecida na cidade de Santiago onde residía, licenciada en historia da Arte, autora de varios libros e delegada na capital de Galicia de Manos Unidas perante mais de sesenta anos, cuxa entrega e compromiso coa organización será sempre recoñecida e lembrada.

Estivemos ollando este pazo días pasados na compaña dos amigos Pablo Sanmartín que nos facilitou algúns datos e a carta de Sobrino, Paco López Cuiña que fixo unas boas fotos que incluímos e Manuel Regueiro compañeiro en moitas andainas. Uns obreiros estaban entón reparando os danos que causaran no muro de cerre da finca a caída de un

par de cedros xigantes que non puideron resistir os embates dos últimos temporais que sacudiron a nosa comarca. Tamén puidemos ollar con magoa que o cruceiro que preside a encrucillada fronte ao pazo, rompeuno un camión vai xa para dous anos, e os anacos fican tirados enriba dun valado ata que algún aproveitado marche con eles. Unha mostra mais da falta de sensibilidade e o desleixo que sofre o patrimonio dezao.