«Traballamos na cesión dunha parcela na Baiuca para crear unha residencia»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

rober amado

O rexedor confirma que A Estrada é zona prioritaria para o concerto de prazas coa Xunta e que hai firmas interesadas

04 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Rebasado o seu segundo mandato como alcalde da Estrada, José López amósase orgulloso do traballo feito e disposto a seguir traballando «como o primeiro día» para conseguir os obxectivos pendentes. Un deles é a residencia para maiores que precisan asistencia.

-Coa nova escola infantil e o centro de saúde en marcha, ¿para cando a residencia de asistidos?

-Ata hai uns meses non había moita receptividade no sector para montar unha residencia na Estrada. Como todo o mundo sabe, as residencias públicas, stricto sensu, xa non se fan. O que se fan son concesións ou actuacións desde o ámbito privado que despois teñen un concerto de camas coa Xunta para metelas no sistema público. Co solo dotacional habilitado na Baiuca -nunca entendín que a oposición non apoiara esa operación- se abre un novo escenario. Percibo un cambio no sector. Desde o mes de setembro tivemos conversas con varias empresas que se dedican a estas infraestruturas e hai certo interese porque A Estrada é zona prioritaria para o concerto de prazas coa Xunta. Ás empresas lles interesa ter unha porcentaxe das camas concertadas con Política Social porque así os usuarios teñen financiada unha parte importante do custe a través da Lei de Dependencia.

-¿Vai ceder o Concello o terreo?

-Estamos valorando a posibilidade de buscar algún mecanismo para poñer a disposición a parcela que temos na Baiuca ó lado da do centro de saúde. É unha parcela de 7.400 metros cadrados que ten unha edificabilidade case do dobre. Poderíase facer unha infraestrutura de 14.000 metros cadrados. O que hai que buscar é a fórmula. Este tema está encima da mesa agora que temos a colaboración da oficina técnica e de xestión da Edusi. Estamos vendo que alternativas temos a nivel legal e urbanístico para poder poñer a disposición esa parcela.

-¿Algunha empresa concreta interesada en construír o centro?

-A nós nos trasladaron que había interese en facelo. O que pasa é que nós non llo podemos adxudicar directamente a unha empresa. Haberá que facer un concurso público. Sacar unha concesión administrativa da parcela cun proxecto vinculado para a construción e explotación da residencia. Sería unha parcela pública cedida por un máximo de 75 anos para que a empresa construíse e xestionase esa instalación. É o gran reto que nos queda a nivel de infraestruturas. É o único que nos queda e a forma de viabilizalo vai centrar o traballo agora no 2018.

-A Estrada estalle vendo as orellas ó lobo coa cuestión demográfica, ¿algunha idea para non baixar dos 20.000 habitantes?

-Estamos plantexando unha campaña de empadroamento. É importante non baixar desa barreira dos 20.000 habitantes a nivel de ingresos e de representatividade. E non é fácil. A alta formación das novas xeracións e a concentración do mercado laboral nas grandes cidades, no eixe atlánticoVigo-Coruña, nótase. Facer unha campaña de empadroamento está ben e pode resolver o problema a curto prazo, pero o problema é estrutural. Non se pode salvar cunha campaña de empadroamento. Iso é quedarse no cortoplacismo. Eu, como alcalde, podo ter resolto ese problema porque mentres que eu sexa alcalde non se baixa da barreira dos 20.000, pero o problema está aí e non podemos mirar para outro lado. Todo o interior de Galicia se desangra. Por iso cremos que é tan importante a discriminación positiva por parte das administracións. A autovía Santiago-A Estrada permite buscar parte da solución a ese problema porque as infraestruturas son comunicación e a comunicación é competitividade. E ó final é o que queren as empresas e a sociedade.

«Na alameda imos crear un espazo para a sociedade do século XXI, diáfano e funcional»

-¿Cando pasearemos pola nova alameda?

-O obxectivo é licitar as obras en marzo e inicialas no verán. Durarán de seis a oito meses. A principio do 2019 a nova alameda ten que estar en servizo

-Hai voces que cuestionan o proxecto de reforma.

-Houbo voces que cuestionaban incluso se era o momento. Hai poucas veces que, cando un decide algo, ten a certeza total de que está acertando. Esta foi unha delas. Estou convencido de que o dos xardíns é un proxecto histórico. Gañamos a peza de maior valor urbanístico para o Concello como patrimonio pero para a sociedade gañamos un espazo fantástico. Temos que crear un espazo útil para a sociedade. Un espazo o máis diáfano posible. Estiven moito na alameda cos meus fillos cando eran máis pequenos e sigo estando moito polo entorno e ves centos de rapaces cos pais, cos avós... nun espazo que non está nin ordenado nin definido, que non vale case para ningún dos usos que os cativos de hoxe en día queren. A sociedade cambiou e os nenos teñen outras demandas, outras necesidades... O que temos é que crear unha alameda para a sociedade do século XXI, moi funcional, diáfana e que xere espazos que lle dean valor engadido, organizados en función das idades. Non son as mesmas demandas as dos colectivos de pais con nenos de 0 a 3 anos, que de 3 a 12, que de máis de 12 ou dos maiores. Vai a ser a casa dos estradense, o gran espazo público, independentemente de que se irán xerando máis co desenvolvemento do PXOM.

«A autovía ata Pontevea non resolve o problema da Estrada»

López non concibe unha Galicia «na que como pasa agora o 80% da poboación viva no 10 % do territorio». Reclama das administracións unha aposta decidida por «políticas de apoio á Galicia interior sustentadas nas vilas cabeceira de comarca». Neste contexto reivindica a finalización da autovía a Santiago.

-Tras cinco anos de parálise parece que a autovía se reactiva, pero non na medida desexable. ¿Que opina?

-Para que a autovía chegue ata A Estrada ten que chegar a Pontevea. Pero que chegue a Pontevea non resolve o problema da Estrada. Eu o teño claro. Sempre o dixen e non me vou esconder de dicir o que opino e o que escoito na maioría da xente, na rúa. É certo que este primeiro tramo non nos resolve o problema. Pero está claro que sen este primeiro tramo non haberá un segundo. O que teño falado co presidente é que esto é a primeira fase dunha actuación que rematará, e non me cabe ningunha dúbida, á altura da zona de Vea, na estrada de Baloira. Ese é o obxectivo. Non podemos perder de vista que esa autovía naceu coa vocación de conectarse no futuro coa futura autopista de Vigo a Lugo por Lalín. É a solución: un eixe vertebrador norte-sur que pase polo interior de Galicia, que nos conecte coas grandes infraestruturas, nos dea saída á Meseta e nos conecte coa capital de Galicia, que é o noso referente a nivel institucional, sanitario, educativo... Vamos a ter unha estación do AVE e un aeroporto por autovía a menos de 15 minutos e esa é a vía pola que gañamos competitividade. Con esa infraestrutura, que xa chega tarde pero chega a tempo, o noso futuro é distinto que sen ela.

-¿Cando chegaremos a ver a variante da N-640?

-Dos grandes proxectos cos que traballamos foi o que máis cerca vin. Pero parece que está maldita. Cando foi ministra Ana Pastor tivemos moitas conversas, algunhas delas a altas horas da noite en fin de semana, onde había o compromiso de licitar a obra se eramos capaces de resolver o problema con Patrimonio na Xunta. Eu non digo que non teñan que primar os intereses patrimoniais sobre os interese xerais, pero neste caso chama a atención que no proxecto aprobado -e que caducou porque non se executou nos anos que tiña de vixencia- non había ningunha alerta de Patrimonio e na nova petición aparece a alerta arqueolóxica do castro de Aguións. A partir de aí se torce todo. Hai que cambiar o proxecto construtivo, variar o perfil lonxitudinal da variante porque hai que facer un túnel que pase por debaixo do castro e está limitado porque moi cerca pasa o río Liñares. E se hai que baixar a cota da estrada, cando hai un río é complicado. Fomento e o xefe de Demarcación de Carreteras en Galicia, Ángel del Río, están seguindo este tema e saben a importancia que ten para A Estrada. Pero se complica. É a única infraestrutura para a que non somos capaces de fixar unha data de execución realista. E iso si me preocupa.

"Temos que gañar espazo para a xente"

O alcalde da Estrada está convencido de que facer unha vila máis atractiva para o cidadán tamén axuda a fixar poboación.

-Da Edusi pouco transcendeu, ¿en que vai cambiar A Estrada esa chuvia de millóns de Europa?

-Coa eficiencia enerxética e a ampliación dos xardíns que xa están encamiñadas, nos queda por coñecer o seguinte elemento estratéxico, que é o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). O estamos elaborando desde hai dous meses e nos vai dar unha visión estratéxica de como ten que ser a mobilidade no Concello. Calquera alcalde ou goberno pode tomar por capricho a decisión de peonalizar unha rúa ou cambiarlle o sentido ou actuar sobre os aparcamentos. Se fixo en moitos sitios a golpe de decreto da alcaldía. É un erro. Precisamos primeiro un estudo claro e exhaustivo. O PMUS é básico. Daranos respostas e nos avalará para tomar decisións pensando nunha vila máis humana e máis pensada para os veciños.

-¿Como se fixo en Pontevedra?

-Todos falan do modelo Pontevedra. Eu non sei se o modelo é ese ou outro. O que está claro é que temos que gañar espazo para a xente. Dous factores importantes para que a xente decida vivir na Estrada son ter un posto de traballo aquí ou cerca e ter unha vila que dé calidade de vida, espazos abertos e zonas gañadas para a cidadanía. Iso son espazos abertos e humanizacións, peonalización, reordenación do tráfico... Gañarlle espazo á xente e quitarllo ós vehículos. Por primeira vez A Estrada ten unha oferta de aparcamento acorde á demanda. E aínda temos marxe. Queda un 60 % libre no párking da Avenida América. Novos párkings e zona azul resolveron o problema histórico de aparcamento e abriron un horizonte.

-¿Que horizonte?

-A actuación que se poida facer na Avenida de América cambia radicalmente de ter esa zona alí a non tela. Ou a actuación que fagamos en Fernando Conde, que é outra zona na que creo que debemos actuar. Ou tamén o entorno da Praza da Feira, que está no corazón estratéxico da Estrada e creo que se podería transformar. Ou rúas como Calvo Sotelo, Justo Martínez, Iryda, Pérez Viondi, Serafín Pazo ou o entorno do mercado. A Estrada pode agora abrir o debate porque temos unha planificación e temos buscada solución a parte dos seus problemas.

-¿Como vai o desenvolvemento urbanístico acordado na Avenida de América para abrir o párking?

-Foi un acerto. O propietario do terreo tiña a predisposición para cedelo para o párking público, pero quería desenvolver ese ámbito, que suporá a cesión ó Concello de 3.000 metros cadrados para un aparcamento. Se el cedía os terreos agora para o párking entendía que o Concello podería perder interese no desenvolvemento. De aí o convenio, con unha cesión case sen custe para o Concello durante 4 anos e logo unha cota de aluguer. Nos orzamentos deste ano destinamos 30.000 euros para adxudicar a redacción do plan parcial e do proxecto de compensación e de urbanización dese desenvolvemento de iniciativa pública. Estamos redactando os pregos técnico e administrativo para sacar a concurso a contratación. Espero que neste primeiro trimestre o poidamos ter en marcha. A partir de aí, catro anos de prazo para poder desenvolver ese ámbito, urbanizar e ceder ó Concello a parcela para o párking.

«Temos un banquillo moi potente e imos tirar del porque a lista do PP do 2019 será de renovación»

-¿Está definida a lista do PP para as próximas municipais?

-Iso depende do candidato (ri)

-¿E non será vostede?

- Bueno... Eu creo que hai moito banquillo. É un privilexio. Eu son o presidente local e temos un partido á altura do que A Estrada necesita. Temos moita xente con ganas de participar e ás veces non se lle dan todas as canles de participación necesarias. E é unha pena porque é xente moi valiosa, con moita competencia e moitas ganas de facer cousas. Aí hai unha canteira estupenda para poder crea unha lista moi potente, con xente moi integrada no Concello, xente con experiencia de xestión ou que pode aportar cousas novas. É o momento da renovación.

-No 2015 mantivéronse os primeiros postos igual ca no 2011. ¿Que pasará no 2019?

-Hai dous anos nos postos de saída non cambiamos a ninguén. Repetiu todo o mundo. Era un proxecto a oito anos. Entendiamos que era bo dar unha estabilidade. Para o 2019 ten que haber unha importante renovación. Hai que manter unha parte do equipo, pero hai que dar paso a xente que quere participar e está capacitada e formada para facelo.

-¿Ve claro renovar a maioría absoluta do PP?

-As maiorías son cada vez máis complicadas. Canto máis grandes son as poboacións máis difícil é. A xente ten un nivel de esixencia moi alto e conseguir o apoio de máis do 50 % da poboación non é sinxelo. Xa se veu nas últimas municipais. As maiorías absolutas practicamente desapareceron. De todos os concellos galegos de máis de 20.000 habitantes, quedamos con maioría absoluta só tres: Vigo, con maioría absoluta do PSOE, e Marín e A Estrada, do PP. Deixa ben ás claras cal é a situación. Somos a excepción dunha norma que sigue avanzando. É importante que exista intercambio de ideas, pero eu penso que habería que reformar a lei electoral. Nós temos un goberno estable e tes un orzamento aprobado en tempo e unha planificación de futuro, pero noutros concellos hai bipartitos, tripartitos ou cuatripartitos que se preocupan moito máis de resolver os seus problemas internos que de resolver os dos veciños. Con isto non quero dicir que as maiorías sexan perfectas tampouco, pero un goberno estable ten moitas máis posibilidades de éxito ca un fraccionado. Tendo en conta o novo panorama político eu son partidario de revisar o tema das alcaldías para que o alcalde sexa de designación directa pola maioría dos veciños e a composición das corporacións de forma proporcional.

-¿Como ve á oposición?

-Eu teño unha alta valoración da oposición. Defendo a ultranza a aqueles que dan o paso de dedicarse á política municipal, a política con maiúsculas, independentemente da ideoloxía. Todas as persoas da oposición están á altura do que a sociedade demanda deles, pero tamén é moi complicado estar na oposición. Eu estiven. Hai que ter moita presenza, estar moito na rúa, estar moito coa xente... E A Estrada é un concello moi grande, ten moito rural... A oposición ten esa parte de mérito, pero eu creo que se lle podería pedir un pouco máis de implicación nos asuntos que deberían ser asuntos de estado, como o PXOM, a Edusi ou os xardíns. Son proxectos de cidade ou de pobo nos que hai que ter altura de miras e deberiamos estar todos unidos.

«Moderadamente satisfeito» co rural

«O rural é o que máis peso ten nas contas e no día a día do Concello, pero temos 51 parroquias, 470 núcleos e 2.000 quilómetros de estradas municipais. Temos máis de 30 persoas destinadas integramente a facer actuacións no rural. Estanse facendo moitas pequenas obras, pero é moi difícil de visualizar. No 2015-2016 se investíronse 1,8 millóns en pavimentacións, no 2017 fíxose o esforzo na recollida do lixo e no 2018 recuperamos a inversión en asfaltados, con 2,4 millóns este ano. E aínda así, será importante pero insuficiente. Pero tendo en conta a extensión e a dispersión, eu estou moderadamente satisfeito. E penso que a xente o entende. Sempre esixe máis pero o entende».