Vinte anos da Coral Polifónica Estradense

Manuel A. Rey Chao

A ESTRADA

24 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

umpríndose 20 anos do nacemento da Coral Polifónica Estradense, animados por este feito e estreando disco, e acompañados pola de Soutomaior e pola Banda de Música Municipal, este pasado sábado, día 23, véspera de Noiteboa, os coralistas da Estrada, recuperando vellas glorias, ofreceron no Teatro Principal un concerto memorable, dos que permanecerán na lembranza colectiva local pola súa calidade artística e pola concitación de múltiples emocións e saudades, que uniron xeracións diversas ao compás dos sons cos que se identifican.

Todas as artes subliman emocións e sentimentos, utilizando formas de expresión diferentes. E a Música, antiga sabedoría colectiva, cando é soporte da poesía, realidade sutil e complexa, alcanza unha cima inigualable, amosándonos as fondas intimidades da natureza humana. Da abundancia do corazón fala a boca con palabras que, poñéndolle tamén intensidade, ton e timbre en secuencias rítmicas axeitadas, elevan o noso espírito a alturas insospeitadas. Unha vez entoado, o canto, lanzado ás profundidades do noso ser, fai que este vibre modulado polas ondas que o sacoden con dozura e paixón causándonos arrebato. Bágoas de dita pesando sobre o noso ánimo transportado, metricamente conducido ata a éxtase por unha dirección exquisita, rolaron polos nosos rostros conmovidos.

Nunha noite de plenilunio máxico, aberto o pano, recios eles e fermosas elas, feito o silencio, forzados os tenores e baixos como cosacos en briosos corceis, cal cabalos brancos consistoriais, e forzadas as sopranos e contraltos como lindas amigas a rompelo polo aceno dunhas mans que semellaban moverse nun mundo superior, firmes, expertas, sedutoras, expresivas e vibrantes na procura de densidade sonora, cantaban todos e todas, coa mirada fixa na fonte de creación harmónica, convertidos en voz, en son, en arte, evocando un tempo e un lugar onde o ceo se xunta co mar.

Ledas cantigas brotando no ceo, complementándose o feminino e o masculino parecían conducirnos a unha cidade prometida, Xerusalén, a grande, ao tempo que o noso pensamento de ás douradas voaba alto xunto co noso ánimo fundido nun universo acústico, musical, inabarcable. Sobre o potente soporte das voces graves, sólidas, ben empastadas e moduladas, e un fondo instrumental executado con pericia, as mulleres cantoras, perfectas coma bonecas famosas, levantando murmurios de crus lamentos inundaron un espazo de soño, inmenso, sideral, reacendendo no noso peito recordos dun tempo que xa foi, de bicos e flores, convertido en tempo de amar.

Véspera de Noiteboa na Estrada. Ollos brillando de amor, buscando un lugar máis alá do mar onde o sol cada mañá luza máis. Marabillosos cánticos vividos coma unha gran paixón que nos queima o corazón. Navidade alegre e xubilosa coándose como a mensaxe feliz deste extraordinario concerto con voz moi queda cantando ao amor, á saudade, ao Nadal, á paz... Un concerto ao que só lle faltou rematalo dicindo: Ímonos, pero xuramos que seguro que para o ano volveremos. Parabéns a tan extraordinarios coralistas e a unha vila, A Estrada, orgullosa de contar cunha formación que, ano a ano, vinte xa, nos veñen agasallando coa súa entrega apaixonada e co seu virtuosismo. Longa vida á beleza.