Demandan a recuperación da ponte do Fouleiro na cunca do río Liñares

O. P.

A ESTRADA

miguel souto

A Asociación pola Defensa do Val do Liñares advirte da escasa existencia de larvas de cabaliño do demo e libeliñas, moi abundante ata hai un ano neste curso fluvial

07 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación pola Defensa do Val do Liñares vén de denunciar «o gravísimo estado de deterioro no que se atopa a ponte do Fouleiro na que xa se derrubaron parte das pedras e que xa leva así un par de anos». Unha nova chamada de atención por parte do colectivo sobre o estado desta ponte sita na parroquia de Lagartóns, que por sorte puido resistir o inverno pasado ao rexistrarse só un temporal, pero advirten: «Se non se arranxa canto antes, van acabar caendo a totalidade das pedras», e suliñan o perigo que constitúe o estado no que se atopa a súa estrutura, que serve de paso sobre o río para sendeiristas e pescadores que van pola beira do río nesta zona, xa próxima á praia fluvial.

Caudal moi baixo

Doutra banda, dende o colectivo remitiron ao Proxecto Ríos os datos das inspeccións de primavera e outono para avaliar a saúde do río Liñares, para incorporalos ao informe anual. Nesta última visita á cunca, constataron «o que xa sabemos todos: que o río leva moi pouco caudal despois da longa tempada de seca que estamos a sufrir», aínda que lembran que nestes dez anos de controis no Liñares recolleron algunha outra medición de caudal moi baixo, como en outono do 2011.

Maior preocupación aínda amosan dende a Asociación pola Defensa do Val do Liñares polo atopado na súa recollida de macroinvertebrados, que sempre fan por consideralos bioindicadores do estado de saúde do río. Tanto nesta última inspección coma nas dúas anteriores ?primavera e outono pasados? comprobaron que «os macroinvertebrados que atopamos son dun tamaño moito menor que nas pasadas ocasións. Ademais case non encontramos larvas de cabaliño do demo nin de libeliñas, que si eran moi abundantes ata hai un ano».