Tamparrantán non é só onomatopea

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

MARCOS MÍGUEZ

A asociación cumpre 25 anos sumando 13 premios á súa indumentaria e estreando pezas recollidas na Estrada

01 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tamparrantán é moito máis ca unha sonora onomatopea con ritmo de muiñeira. «É un nome moi musical que ós rapaces lle pareceu divertido. Non ten máis truco», conta Manuel Rodríguez Calviño, voceiro da asociación. Detrás dese nome hai 25 anos de investigación e difusión cultural, varios premios á mellor indumentaria tradicional e unha chea de foliadas.

Tamparrantán naceu hai xa un cuarto de século da man da asociación de mulleres de Santo André de Vea. Foron elas as que botaron a andar unhas clases de baile e música tradicional con María Corral como mestra. Co tempo o corpo de música e baile creou asociación propia e foi medrando ata xuntar 83 alumnos non só do Val de Vea, senón tamén de zonas como Santeles, Vinseiro, A Estrada ou Luou. A festa non entende de idades, e no grupo conviven desde cativos de tres anos ata xubilados enganchados á gaita ou ó baile. «Hai unha porcentaxe máis elevada de nenos, pero as clases de iniciación ó baile para adultos están tendo moito éxito», comenta Manuel Rodríguez.

O folclore perdido de Vea

A actividade da asociación vai moito máis alá das clases de baile, pandeireta, percusión e gaita que imparten Eduardo Rial, Fernando Saavedra, David Nogueira e Manuel Rodríguez. O colectivo está máis que concienciado coa recuperación do auténtico folclore tradicional e promove recollidas de músicas e bailes nas aldeas da zona. «A verdade é que no Val de Vea se perdeu case todo, pero no repertorio temos unha peza recollida en Cora, o Valse de Vilacriste, e temos en produción a Jota e Muiñeira de Montillón, que esperamos estrear este curso», avanza Rodríguez.

Ademais da fidelidade ás músicas e bailes autóctonos, Tamparrantán tamén cultiva a fidelidade ó tipo de indumentaria que se empregaba antigamente para as distintas ocasións. O colectivo fuxe de invencións rexionalistas. «Temos investigado moito sobre a indumentaria. Non hai un traxe típico de Galicia como tal. O que se instaurou como traxe rexional foi unha invención dun determinado momento histórico. Creáronse traxes para definir as rexións, pero iso non ten que ver coa realidade. Incluso en distintas zonas de España se usaban prendas comúns porque se fabricaban nas mesmas industrias téxtiles. Nas catalás, por exemplo, que foron moi importantes», explica Rodríguez. «Non hai un traxe propio da zona de Vea nin de Galicia, pero en canto a tecidos, aquí, por exemplo, empregábanse moito os de produción doméstica, sobre todo o liño e a la», comenta.

Esta fidelidade á indumentaria, tanto no deseño coma na confección e mesmo na colocación e uso das prendas ten levado a Tamparrantán a acadar 13 premios no concurso de exaltación do traxe de Compostela en só catro anos. «O último ano, conseguimos o primeiro premio en catro das cinco categorías», lembra Rodríguez. «Temos unha grande concienciación nese sentido e somos moi coidadosos», explica.

O interese de Tamparrantán non se queda na indumentaria. A asociación ten afondado tamén en toda a cultura local do traballo do liño e da la e ten promovido xornadas e mostras temáticas. «En Vea ata finais dos sesenta cultivouse o liño e traballouse na casa. Fixemos algunha mostra sobre o sistema de produción e unha monográfica no Museo do Pobo Galego, sobre os espadeleiros decorados típicos do Val de Vea», comenta o secretario do colectivo.

Tamparrantán tamén ten promovido mostras sobre o entroido tradicional e incluso visitas culturais para coñecer mellor o entorno máis próximo, como excursións para descubrir os castros do Val de Vea. «A nosa actividade principal é a música e o baile. Pero iso non é todo», constata Manuel Rodríguez.

Para festexar o 25 aniversario, antes de fin de ano Tamparrantán ten previsto argallar un festival que repase todo o proceso de crecemento do colectivo e as súas experiencias culturais.