A Estrada reivindica un Día das Letras Galegas para García Barros

O dramaturgo Eduardo Alonso convidou no pregón a falar galego e advertiu: «se perdemos a lingua non seremos nós»


a estrada / la voz

A celebración do 17 de maio aproveitouse onte na Estrada para volver a reivindicar en público o que moitos intelectuais locais veñen reclamando hai tempo: a dedicatoria dun día das Letras Galegas ó escritor estradense Manuel García Barros. Ó seu compatriota Manuel Valladares dedicoúselle o Día das Letras no ano 1970. No intre de dar paso á ofrenda floral que cada 17 de maio se fai na alameda estradense ante o monolito dedicado ós irmáns Marcial e Avelina Valladares, o técnico estradense de Cultura Xosé Lueiro lembrou onte a homenaxe a Marcial Valladares no 1970 e desexou: «Esperemos que tamén García Barros teña esa homenaxe ben merecida un ano destes».

O pregón correu por conta do dramaturgo vigués Eduardo Alonso, pioneiro da profesionalización do teatro galego e responsable de realidades como o Centro Dramático Galego ou o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.

Alonso, que foi amigo persoal de Carlos Casares -autor ó que este ano se lle dedican as Letras Galegas- confesou, que a súa primeira idea para o pregón foi centralo en anécdotas persoais vividas con Casares nos ensaios do Centro Dramático Galego da peza As laranxas máis laranxas de todas as laranxas ou no proceso de creación da escola Superior de Arte Dramática de Galicia. «Sen el seguramente aínda non teriamos esa Escola Superior», di Eduardo Alonso.

«Pero caeu nas miñas mans un estudo que encendeu todas as miñas alarmas», conta o dramaturgo. Ese estudo concluía coa frase «os mozos e mozas falan pouco galego» e despregaba «unha inxente cantidade de números e estatísticas».

Cifras alarmantes

Pódense resumir en que, nos últimos cinco anos, a porcentaxe de persoas que falan sempre galego baixou do 43 ao 30% e a dos que falan sempre castelán subiu do 19 ó 26 %. Ademais, as cifras son máis alarmantes canto máis nova é a poboación, «de xeito que, a xente nova vai, pouco a pouco, abandonando o uso habitual do galego e incorporándose ao uso do castelán».

O dramaturgo pensa que, aínda que ás veces os días dedicados a algo parecen inútiles -deberiamos ocuparnos desas cuestións todo o ano-, «realmente son moi eficaces porque puntualmente sitúan o foco da atención nunha cuestión de importancia na que, si non fora por esa celebración, non reparariamos no balbordo habitual das nosas vidas aceleradas do século XXI». Neste contexto, Alonso convidou a reflexionar sobre o galego como «algo máis que un sistema para entenderse», como «o xeito especial de estar no universo» que «representa a base sobre a que se constrúe a cultura propia, a base sobre a que se asenta a nosa forma singular de ser e de existir». «Se perdemos a lingua, non seremos nós», advertiu o dramaturgo antes de convidar ós presentes a falar en galego. «A lingua fainos especiais», sentenciou.

De Ouzande á Pedralba a pé polas Letras

A pesar da choiva rexistrada á primeira hora da mañá, 17 persoas apuntáronse onte á duodécima edición da Ruta das Letras organizada pola asociación A Fervenza de Ouzande (A Estrada). Saíron ás 9.30 horas da igrexa da parroquia e completaron 15 quilómetros de percorrido, con subida ós montes do Pedroso e A Pedralba, na parroquia da Somoza. Na imaxe, o grupo posa na cima do monte da Pedralba. Os participantes na Ruta das Letras recibiron como agasallo un libro en galego.

Berres acolle este sábado unha homenaxe poética ós irmáns Marcial e Avelina Valladares

A Asociación Cultural Vagalumes celebrará o Día das Letras cunha homenaxe ós escritores de Berres Marcial e Avelina Valladares. Este sábado, ás 12.00 horas, haberá unha ofrenda floral ós irmáns no cemiterio de Berres e unha recepción posterior no pazo familiar de Vilancosta (Berres) con intervencións poéticas. O venres 26 ás 20.30 horas o Mome acollerá unha conferencia sobre Marcial Valladares a cargo do profesor da Universidade de Vigo Xosé A. Fernández Salgado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

A Estrada reivindica un Día das Letras Galegas para García Barros