A entrega do García Barros converte A Estrada na capital literaria galega

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

rober amado

Miguel Sande recolleu o premio por unha obra arriscada que busca deixar pegada

17 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando un arrisca na vida, a xogada pódelle saír ben ou mal. Na escrita non é diferente. Miguel Sande escribiu A candidata coa mente posta en contar unha historia de forma distinta ó que xa está escrito. A xulgar polos feitos, conseguiuno. O seu estilo «cortante e abrupto», as súas «personaxes degradadas ata o subsolo» e o seu «existencialismo ferinte» afastado do politicamente correcto valéronlle á novela o premio de novela Manuel García Barros, un dos máis recoñecidos e mellor dotados de Galicia.

Na cerimonia de entrega do premio, celebrada onte no teatro Principal da Estrada, o responsable da editorial Galaxia -que acaba de publicar A candidata-, Víctor Freixanes, felicitou ó autor por se ter enfrontado de forma exitosa ó desafío de «mover o foco» e «buscar novas formas de expresión para contar a realidade dunha forma diferente».

Freixanes lembrou que o premio García Barros é unha referencia fundamental para entender a narrativa galega contemporánea e declarou á Estrada «capital da literatura galega», alomenos por un día.

Da novela gañadora dixo que é «moi intensa, dura como a realidade e esteticamente ambiciosa».

O autor, Miguel Sande, recoñeceu que fixo «unha aposta arriscada, diferente» coa que confía en «poder axudar a manter o nivel deste certame».

Sande declarouse agradecido polo premio, pero asegurou que «o que de verdade importa para min, como autor, é o interese que o libro poida espertar na xente que o le». «Confío en que ler A candidata sexa unha experiencia intensa. De non ser así, fracasei», sentencia.

Para non deixar indiferente ó lector, Sande preparou un cóctel de hiperrealidade contada con violencia nas palabras e compensada con poesía e tenrura. A historia é a dunha familia de clase media que «creba no económico e no emocional». «Eran coma nós e son morosos, apestados», adianta o escritor. A novela técese a golpe de capítulos curtos nos que nai, filla e pai ofrecen a súa visión con propostas narrativas diferentes. O autor converte ó lector en «xurado popular» da crudeza dos feitos que ó final debe emitir o seu veredicto.

Fuxindo da prosa de dictado

Seguindo a senda da nova narrativa Arxentina, Miguel Sande busca afastarse «da prosa de corrección, como de ditado» e poñerse á altura da dureza da realidade transitando por camiños novos que poidan aportar algo ó lector. Que non o deixen indiferente.