Alonso Montero será o mantedor do premio Reimóndez Portela de xornalismo

a estrada / la voz

A ESTRADA

O galardón está dotado con 1.000 euros e os traballos poden entregarse ata o 4 de setembro

15 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O comité de seguimento do premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela, convocado pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada e que acada neste ano a súa vixésimo primeira edición, presentou onte as bases dun galardón que contará cunha dotación económica de mil euros. Premiarase o mellor traballo ou serie de traballos, ata un máximo de cinco, publicados en lingua galega en calquera medio de comunicación escrito antes do vindeiro día 28 de agosto.

Entrega ata o 4 de setembro

O prazo de recepción de traballos na fundación conclúe o 4 de setembro e ofrece a posibilidade de facelo mediante correo electrónico ?fecae@feiradomoble.com?.

Os traballos poden ser presentados polos seus autores, ou por calquera lector, debendo remitir un exemplar dos traballos e facendo constar a data de publicación, o autor e o medio de comunicación no que foron publicados. O xurado estará presidido por un membro do comité de seguimento, catro vogais e un secretario con voz pero sen voto, reservándose a fundación o dereito de volver publicar os traballos premiados.