Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro ofrecen un concerto infantil este sábado no Principal

La Voz

A ESTRADA

Será a partires das 12.30 con entrada de balde

09 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os músicos Uxía, Magín Blanco y Santi Cribeiro ofrecerán este sábado un concerto no teatro Principal da Estrada dentro do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os músicos -que teñen mostrado a súa valía para engaiolar ó público infantil en traballos como María Fumaça, Rosalía Pequeniña, A nena e o grilo ou Gatuxo- cantarán poemas do escritor Manuel María, ó que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

O concerto está pensado para nenos maiores de cinco anos e as súas familias.

Os poemas escollidos son unha escolma dos libros de poemas para nenos de Manuel María As rúas do vento ceibe e Os soños na gaiola, así como tamén de Terra Chá e Os lonxes do solpor. A isto hai que engadir unha canción propia de Magín e Uxía: Todo me fala de ti.

O concerto será ás 12.30 horas, con entrada de balde, pero é preciso retirar as invitacións no departamento de Cultura do Concello ou na billeteira do teatro.