
Manuel Núñez lembra que o MOME acolle o xoves a presentación do libro en homenaxe a Olimpio Arca
31 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O Museo do Moble e da Madeira de A Estrada acollerá este xoves a presentación do libro «Homenaxe a Olimpio Arca Caldas. Un mestre do pobo», que publica Edicións Fervenza. Ao fronte da coordinación do traballo está Manuel Núñez Espiño.
-¿Como xurde a idea deste libro homenaxe?
-Olimpio Arca Caldas deixou unha fonda pegada en moitos de nós e esta publicación responde a unha débeda que tiñamos moitos con el. Coa súa obra «Pelexa no souto» abriuse a colección Pinguela de Teatro Escolar. Sempre foi unha persoa moi importante para a familia que formamos Edicións Fervenza e entre todos os compañeiros decidimos que merecía esta homenaxe que lle facemos en forma de libro.
-Xuntaron preto de sesenta colaboracións...
-É que a idea foi que colaborasen todas as persoas que tiveron unha vinculación directa con el: compañeiros maestros, escritores, familiares, veciños... É unha publicación chea de vivencias, poesía, ilustracións e textos que narran experiencias persoais vividas con Olimpio.
-¿Como estructuraron o acto de presentación deste xoves?
-O acto contará coa presenza e intervencións do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, co alcalde de A Estrada José López Campos, ademais de Carlos Loureiro, Héctor Picallo, Luis Reimóndez e Mónica Arca. Haberá tamén un recitado de poemas que farán Xoán Xosé Fernández Abella, Rosalía Morlán, Fina Casalderrey, Charo Golmar, Rogelia Gago, Miro Villar e Martiño Picallo. As notas musicais do acto de presentación correrán a cargo de Manoele de Felisa e Andrea Porto, todas son persoas que estiveron moi achegadas a Olimpio.
-¿Que tirada fan deste traballo?
-Son cincocentos exemplares os que verán a luz, e que se poderán adquirir nas librarías galegas. Os centros educativos e institutos que se queiran facer cun exemplar llelo faremos chegar.
-¿Haberá máis presentacións?
-Está previsto facer outra en Cuntis, o pobo natal de Olimpio Arca, en setembro ou outubro.
manuel núñez coordinador dun libro homenaxe a olimpio arca caldas