A palabra xunta aos centros educativos estradenses

La Voz

A ESTRADA

A terceira edición da Festa das Palabras comezará o vindeiro xoves día 26 ás 20.30 horas no Principal

21 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A palabra xunta de novo aos dez centros educativos da Estrada: será o vindeiro xoves, día 26, cando a partir das 20.30 horas comece no teatro Principal a terceira Festa das Palabras, «a única actividade que organizan e na que participan conxuntamente os dez centros educativos, públicos e privados, da Estrada», como suliñaban Xabier Camba e Víctor López Baliño na presentación do evento. Os equipos de dinamización da lingua galega de cada centro, que veñen de adoptar o nome de Dinamizaestrada, procuran con actividades coma esta o aumento de actitudes positivas cara o galego, con propostas transversais e integradoras na comunidade educativa.

A Festa das Palabras vai un punto máis alá, cunha actividade ambiciosa e de forte incidencia dentro e fóra dos centros educativos. Camba suliñou que celebrala por terceiro ano consecutivo é un éxito, e tamén o é achegar ao alumnado de todas as idades e de todos os centros á creación literaria en galego: «Comprobar ano tras ano a calidade, mérito e creatividade dos nosos rapaces é unha enorme satisfacción», dixo, antes de apuntar que foron María Tato e o Pérez Viondi os pioneiros da actividade hai tres anos, involucrando aos demais centros estradenses na convocatoria.

María Tato indicaba que «hai tres anos diso, e parece que foi onte. Todos os centros se sumaron, moi motivados para participar nesta actividade, que conta tamén coa axuda do Concello». Explicou que os centros navegaron polos títulos das obras de Manuel María para a escolla das palabras que debían conter as obras presentadas: foron gaiola para os microrrelatos, e orballo para os micropoemas.