As letras tomaron as rúas coas músicas

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Ana Carreira falou na Estrada dunha lingua que ten que medrar nun día con concertos en Lalín e Silleda

18 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O sol acompañou na xornada de festa, e as letras tomaron as rúas de Deza e Tabeirós xunto coas músicas que nunca faltan nos días de celebración. Na Estrada, era a Banda de Gaitas de Barbude a que acompañaba na tradición ofrenda floral diante do monolito adicado aos irmáns Valladares nos xardíns municipais, con intervención da dramaturga lucense Ana Carreira: lembrou a súa crianza e educación en galego da man dos seus pais, dende a súa honestidade para falarlles na lingua que coñecían, a diferenza dunha escolarización que tivo que ser en castelán.

Preguntouse que farían hoxe Avelina e Marcial Valladares, e mesmo Manuel María ante a situación do galego, indicando que todos eles terían unha resposta común: o amor á lingua. Sinalou que «as políticas lingüísticas non son suficientes para cesar a minorización da lingua», e plantexouse logo que tiña feito ela mesma polo galego. E a súa resposta foi «medrar en galego»: sen permitir que o status de favorecidos a fixera de menos por empregar o galego, nin cambialo na adolescencia polo castelán: «Medrei pese a ser considerada un bicho raro por falar galego en Galicia». E hoxe, comprometida a partes iguais polo seu amor ao teatro e á lingua, fala en galego, non como liturxia ou conmemoración, e expresa un desexo: que a vella lingua galega acabe de medrar, sen vergoña, porque é unha lingua que serve para todo, sinalou Ana Carreira. O tenente de alcalde, Constenla Carbón, expresou a vinculación de Manuel María coa Estrada, reivindicando o galego como «lingua do día a día, vizosa, con sabor a futuro».

Lalín apostou pola música dende a mañá, con Bico da Balouta e Poetarras na Praza da Igrexa, convocatorias que deron vida ás rúas do entorno do Quilómetro Cero. Pola tarde no museo, a profesora Gracia Santorum e o Clube de Lectura do Laxeiro percorreron vida e obra de Manuel María; e á tardiña Noite Fechada presentou o seu disco Con-visión de festas na mesma praza.

Concerto da Banda Xuvenil de Lalín

A Banda Xuvenil de Lalín, baixo batuta de Santiago Mella, tamén ofreceu un concerto con motivo das Letras Galegas. Foi na sala Tuno Valdés do Auditorio Municipal, cun programa integrado en exclusiva por autores galegos: Pascual Veiga, Andrés Gaos, Soutullo e Xoán Montes, xunto a alborada de Seráns na honra de Manuel María.

A festa da palabra

Música tradicional en Silleda

O auditorio da Semana Verde reuniu a oito agrupacións no Festival de Música Tradicional de Silleda: Aires do Trasdeza, Pandereteiras A Xariza, Gaiteiros da Pereiriña, Pandereteiras da Saleta, grupo de acompañamento de Xirandola, O Son da Fervenza, Aula de Música Tradicional da Escola de Silleda e Coro Musiquiños, e Os Carqueixas.

Citas literarias en Cruces e retranca en Agolada

Vila de Cruces tivo citas literarias: ao mediodía no auditorio Xosé Casal, José Carlos Carracedo falou de Manuel María, con lectura de poemas do chairego, e presentación do libro Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos, pola súa autora Loli Beloso. Actuou ademais Sons da Mina. En Merza, O Arco fallou o seu concurso de relatos curtos: gañaron Teresa Gorís na categoría infantil, e Roi Guzmán na de adultos. A música nun acto que homenaxeou ao escritor de Outeiro de Rei púxoa Zarabarda.

En Agolada, Celso Fernández Sanmartín levou aos Pendellos a retranca de Contando cousas e cousiñas para as familias.

Os actos das Letras Galegas seguen: hoxe na gardería Elfos da Estrada, ás 18.30 horas, celébrase un acto interxeracional, en colaboración coa Cruz Vermella.