A Estrada recupera un anaco de historia

Rescatan o Libro de Actas Municipais de 1839 do primitivo Concello de Cereixo, que levaba anos desaparecido


a estrada

Acábase de rescatar, e confío en que moi pronto sexa incorporado ao Arquivo Municipal, de onde nunca debeu saír, unha importantísima peza, desaparecida hai ben anos, do patrimonio histórico deste concello. Referímonos ao Libro de Actas Municipais de 1839 do primitivo concello de Cereixo. O 1839 foi un ano extraordiariamente difícil para o territorio estradense, convertido en campo de batalla entre os contendentes da guerra civil. Son frecuentísimas nas actas de plenos as alusións ao terror no que vivían os veciños debido ao «permanente estado de sitio en que se halla este país, digno de mejor suerte» e, aínda que o 31 de agosto se firma a paz entre carlistas e isabelinos -o concello manda repenicar durante 1 hora as campás das 51 parroquias o día 14 de setembro para celebralo- moitas foron as penalidades que os estradenses houberon seguir soportando. O municipio estaba sometido á lei marcial.

Fortín no Foxo

Existía no Foxo un fortín ocupado por un destacamento militar e había outro no pobo da Estrada, posiblemente en Bedelle, ademais dunha forza alí acuartelada. A todo este continxente cabe engadir a Milicia Nacional, corpo de civís armados que auxiliaban ao exército regular. Eran frecuentes as levas de mozos, que os carlistas secuestraban a punta de fusil para incorporalos ás súas filas, circunstancia que fai doadamente comprensible a enorme cantidade de prófugos, desertores e fuxidos a Portugal ou ás Américas que se contabilizan naqueles anos.

Déficit crónico

Esta penosa realidade faise extensiva ao eido económico, pois é ben coñecido o déficit crónico do Estado Liberal e dos concellos e a insoportable fiscalidade que gravitaba sobre as febles economías campesiñas ao que cabe engadir o estado de inseguridade e angustia daquelas persoas permanentemente acosadas polas bandas carlistas. Época violenta e terrible de roubos, rapinas, destrucción, secuestros e asasinatos cometidos por aquela «feroz canalla, miserable facción que invade este país».

Sen embargo, con ser isto relevante, o auténtico valor deste recuperado documento reside na súa capacidade de resolver certas incógnitas e aportar algo de luz sobre a nebulosa época da nosa incipiente historia municipal.

Eu mesmo teño defendido que o traslado do concello de Cereixo á Estrada no 1840, a definitiva consolidación neste punto da institución municipal e toda a serie de epifenómenos que o acompañan, executouse dunha forma que, sen temor a esaxerar, poderiamos calificar de auténtico golpe liderado por certas elites liberais coas que colaborou, como este novo documento nos revela, o estamento militar.

Aquela rebelión concretouse nos seguintes feitos: a) traslado do concello de Cereixo á Estrada, que se consuma oficialmente no 1840 aínda que a sede física desta institución ubicouse a meirande parte do tempo, como demostran as actas, neste pobo; b) o traslado do Partido Xudicial de Tabeirós á Estrada; c) a eliminación violenta da feira do Viso en beneficio da estradense; d) a supresión da parroquia de S. Paio de Figueiroa, que pasou a denominarse da Estrada; e) o traslado da igrexa parroquial ao núcleo urbano tralo incendio (intencionado?) daquela; f) a anexión dunha parte do territorio de Guimarei e de Ouzande; g) o interese en manter na ruína a ponte de Sarandón (recompúxoa Benito Vigo, alcalde entre 1924 e 1930) que contribuía a desviar parte do tráfico de mercadorías con destino a Santiago pola vila estradense satisfacendo, ademais, a cobiza dos arrendatarios do servizo de barcas existente naquel punto. Cabe agora preguntarse quen foron as persoas que lideraron aquel proceso e cales eran os seus ideais políticos.

Pódese afirmar que no territorio estradense era maioritaria a doutrina liberal (os labregos odiaban o carlismo) encarnada nunha elite enriquecida polas rendas da terra e a venda de bens eclesiásticos. Estes decatáronse inmediatamente que a súa supervivencia como clase privilexiada descansaba sobre unha soa premisa: o seu incondicional apoio á causa liberal da Raíña Isabel II quen, a cambio da súa fidelidade e auxilio, vai reservar para eles os cargos da administración dun Estado que se visualizaba feble e lonxano.

Detéctase, sen embargo, neste novo documento, unha circunstancia relevante: a organización dunha conspiración para derrocar o concello de Cereixo e forzar o seu traslado á Estrada.

O novo libro de actas é ben explícito neste sentido: acúsase directamente a un sector do radicalismo liberal -Manuel Pazo, Antonio Paseiro (dono da botica onde se fraguou o plan), José Risel, comandante da forza destacada na Estrada e Juan Manuel Fontenla, cura de Ouzande, entre outros- de convocar aos maiordomos de 23 parroquias «para que el Ayuntamiento subsistiera en La Estrada».

A «conspiración da botica»

A «conspiración da botica» ven sendo, pois, a versión local daquela tradición decimonónica de pronunciamentos militares, intrigas e complots revolucionarios. Pero o seu éxito foi tan rotundo que, un ano despois, a institución municipal pasa a instalarse definitivamente no pobo da Estrada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

A Estrada recupera un anaco de historia