«A fronteira está marcada e a non ser que se estivera afogando xente non a podíamos pasar»

La Voz

A ESTRADA

25 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«É unha experiencia que marca. Todo o mundo debería velo para concienciarse que a xente que ven non son si queira emigrantes, son persoas que tiñan a súa vida feita no seu país, no que explotou unha guerra que os está matando», afirma Pablo Camino trala súa estadía en Lesbos.

«Pagan entre mil e dous mil euros por cruzar un cacho de mar. O negocio do tránsito de xente move cifras que ningunha outra mafia pode conseguir. Pasan familias enteiras, bebes con poucos meses e ata maiores que case non dan embarcado nas lanchas. Vin unha señora duns setenta anos subindo por un acantilado que era unha parede vertical que podería ser a túa avoa. Se os políticos viran estas cousas farían máis por axudar a esta xente e non todo o contrario», manifesta o deportista do CNS A Estrada.

Trabas no seu camiño

Por se non fose difícil xa viaxar nun barco a medio facer, os gardacostas turcos non prestan moita axuda nin facilitan o traballo de persoas como Pablo: «A fronteira está marcada e a non ser que se estivera afogando xente non podíamos pasar. Existe a prohibición de acceder a augas turcas e os gardacostas non axudan».

Camino viviu de primeira man o que é a impotencia. «Vimos devolucións de xente por parte dos gardacostas, sénteste impotente. Non son máis que persoas que foxen da guerra». Á costa de Lesbos chega xente de Siria, pero tamén de outros países como Afganistán ou Paquistán, «os sirios soen ter máis recursos e cantos máis recursos teñen mellor os tratan. Aos outros os teñen esposados horas, os deixan tirados nos portos, é unha barbaridade. Os que están en Turquía queren vir porque alí os deixan morrer de fame».