Alumnos da Estrada nutren Galipedia con entradas de literatura autóctona

La Voz

A ESTRADA

Son estudantes do García Barros baixo a coordinación de Carlos Loureiro

18 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os 26 alumnos da asignatura Literatura galega do século XX e actual (segundo de bacharelato) do IES Manuel García Barros da Estrada están a cubrir lagoas coma mares en Internet. Na Rede sobran referencias a autores de culto, pero é case imposible atopar información útil e contrastada de escritores xusta ou inxustamente relegados á segunda división. No que atinxe á Estrada, os alumnos do García Barros -baixo a coordinación do mestre Carlos Loureiro- están a repoñer o agravio nutrindo a Galipedia con entradas sobre os autores e os certames literarios e lingüísticos locais. A última, sobre os Premios San Martiño de Normalización Lingüística, que precisamente se entregan este venres. A entrada inclúe un listado de todos os premiados ata o de agora, con enlaces ás súas fichas persoais.

Antes desta, a Galipedia xa recibira aportacións do alumnado de Literatura do século XX, como as entradas sobre o Premio Mome de Teatro Varela Buxán, o de poesía Avelina Valladares, o xornalístico Reimóndez Portela ou sobre autores locais como Olimpio Arca Caldas.

A maiores, os rapaces realizan entrevistas a escritores galegos -levan xa máis de 60- que logo nutren as páxinas que estes teñen na Galipedia.

Todo o traballo que se ven desenvolvendo na asignatura desde a promoción 2011-2012 amósase ó mundo a través da páxina As Nosas Letras, á que se pode acceder desde a web do IES.