Manuel Portas gaña o García Barros coa súa obra «Lourenço, xograr»

óscar manzano A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

O xurado elexiu a obra de Portas entre as 25 novelas presentadas este ano ao certame.
O xurado elexiu a obra de Portas entre as 25 novelas presentadas este ano ao certame. rober amado< / span>

O tribunal valorou a divulgación do medievo galego que fai a novela

23 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os membros do xurado do premio de novela Manuel García Barros de A Estrada decidiron durante a mañá de onte, por maioría, outorgar esta distinción a Manuel Portas Fernández pola obra Lourenço, xograr. O tribunal, formado por Dolores Vilavedra, Carlos González de Lema, Armando Requeixo, Juan Luis Blanco Valdés e Carlos Loureiro, destacou a contribución da novela á divulgación da historia e literatura medieval galegas a través dunha personaxe pouco coñecida, como é o xograr Lourenço, que constitúe a porta pola que se observan non só os conflitos políticos que determinaron o que hoxe é Galicia, senón que tamén as vidas entretecidas das distintas clases sociais da época.

Durante a presentación do fallo aos medios, o alcalde da Estrada, José López, señalou a relevancia deste certame, xa que «todos os anos se descubren obras que pasan á historia da literatura galega», engadindo que, a pesar dos recortes, «A Estrada segue mantendo unha actividade cultural de primeiro nivel» e que desde o Concello «seguiremos facendo un esforzo máximo para poder garantir que A Estrada se convirta en moitos días do ano na capital da cultura en Galicia».

Pola súa parte, Carlos Loureiro, secretario do xurado, indicou que o premiado «ten ligazóns familiares na Estrada», destacando «o incondicional apoio da editorial Galaxia, que nos acompaña desde hai anos nesta andaina».

«A estrutura literaria galega atópase bastante maltratada»

Manuel Portas Fernández (Barcelona, 1960) é unha persoa polifacética: profesor de Lingua Galega no Xelmírez I de Santiago e actual director, exedil do BNG na capital galega, sociolingüista e escritor. Precisamente nesta última faceta acaba de obter o premio Manuel García Barros que convoca o Concello estradense.

-Vén de recibir o premio Manuel García Barros pola súa obra «Lourenço, xograr». ¿Onde o colleu a nova?

-Entereime andando en coche, menos mal que tiña posto o mans libres! En realidade non era consciente de que o certame se resolvía nestas datas. De feito, cando escoitei por teléfono «Concello da Estrada» pensei, «aí ven unha multa».

-¿Como valora a realización de certames literarios coma este?

-A miña valoración é positiva, tanto antes de obter esta distinción como agora. Estes certames son necesarios para facer forte unha estrutura literaria do país que se atopa bastante maltratada.

-Esta será a segunda novela que publica neste ano, despois de «Amor con alpargatas». Está a ser un ano moi prolífico para vostede.

-Non, eu non diría que estea a ser un ano especialmente prolífico, máis ben o foi o ano pasado. Amor con alpargatas publicouse en febreiro ou marzo, e Lourenço, xograr sairá con sorte a finais de ano. Pero o proceso creativo detrás destas obras é moi pouco público. Amor con alpargatas xa estaba rematado o ano pasado e pouco lle quedaba a esta última obra. Outra cousa son os prazos da editorial.

-Xa ten publicadas catro obras narrativas, todas diferentes entre si, e en «Lourenço, xograr» realiza unha viraxe á novela lírico-medieval. ¿A que se deben estes cambios de rexistro?

-Creo que a literatura non debe ter limitacións a ningunha época nin a ningún estilo narrativo. Persoalmente, a época medieval paréceme un momento histórico moi interesante. Lourenço é unha personaxe moi importante nunha etapa na que a lingua galega era respectada e valorada por todo o mundo. Na obra aprécianse tamén os cambios históricos que xurden tanto en Portugal como en Galicia, e desgrana as relacións sociais entre as clases. O protagonista é un xograr que quere ser trobador e atópase co rexeitamento das clases nobres.

-¿Como observa a situación da literatura galega?

-Primeiro débese fomentar a literatura, en xeral. Se se estende o goce de ler, despois xa se continuará traballando pola literatura galega. Sen embargo, estase a facer un gran esforzo desde os centros educativos creando actividades para fomentar a lectura. Pero fóra do sistema educativo non hai nada.

-Como exconcelleiro de Santiago, ¿como valora o cambio político nas últimas eleccións municipais?

-Todos os cambios que nos fagan crer que a democracia segue a estar no pobo son positivos. É importante que os cidadáns crean de novo na democracia, que saiban que o seu voto vale para algo e que poidan aportar ideas.