«Aprovéitase a roupa máis que antes e dar con algúns texidos é difícil»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

A ESTRADA

Beatriz Busto López no seu establecemento de Silleda, que abriu ao público no ano 2012.
Beatriz Busto López no seu establecemento de Silleda, que abriu ao público no ano 2012. rober amado< / span>

Con experiencia no sector téxtil deu forma ao seu soño de deseñar e crear

19 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacida en Rianxo, criada en Catoira, vivindo en A Estrada e con negocio de seu en Silleda. Unha ampla mistura de aires costeiros e terras adentro os que posúe Beatriz Busto López, deseñadora e patronista industrial, que sempre soño con ser o que é.

-Non me lembro de querer facer outra cousa. Cando acabei o bacharelato marchei para Santiago a estudar deseño de moda na Escola Mestre Mateo e despois no 99 fun para Vigo a facer patronaxe industrial e escalado na Escola Goymar. Sendo estudante participei en concursos de xoves deseñadores; destacando o posto de finalista no Certame de Jóvenes Diseñadores na Pasarela Cibeles en Madrid e o de Xoves Deseñadores de Tesoira, no ano 2000. Tamén participei no Concurso de Xoves Deseñadores da Mostra de Encaixe de Camariñas no ano 2004 onde tamén quedei finalista. Logo, como profesional estiven cinco anos traballando de deseñadora de Naffta, firma coñecida por facer a equipación oficial do equipo español de tenis. Primeiro estiven en calidade de auxiliar e logo como responsable do departamento de deseño.

-E como chega á localidade de Silleda a aperturar negocio?

-Tiña experiencia no sector téxtil e a verdade é que sempre quixen ter a miña propia tenda e facer os meus deseños pero nunca tiven o valor suficiente para arriscarme e poñerme por conta propia. Cando casei no ano 2010 eu estaba no paro e o meu home tiña a tenda de descanso Colchón Dez nun local moi grande polo que, por aquel entón, decidimos tentar facer -como complemento ao descanso- cortinas, estores e arranxo de roupa para ir tirando. Foi o empurrón que precisaba! Ao principio saian máis arranxos que nada pero os que viñan interesábanse pola roupa feita a medida. Había quen me decía que facía falla alguén que cosera ao quedaren moi poucas, ou case ningunha modista en activo. Tamén tiven clientas que ao verme tan noviña non se crían que eu soubera facer os patróns e coser a roupa. O que máis me sorprendía era que me preguntaban se sabía facer pantalóns, á peza que supoña máis traballo para calquera das modistas de antes. Claro que se sorprendían cando lles decía que os sabía facer!.

-Alguén na súa familia se adicou á costura?

-Miña avoa materna foi modista. Nos tempos da postguerra ía pola aldeas de Rianxo coa máquina de coser á cabeza de casa en casa facendo arranxos ou o que lle pedisen. Eu aprendín o básico observando como ela facía malia que nunca me deixou coller a máquina por se lla esnaquizaba. Os meus primeiros contactos coa agulla tívenos de moi nova, con 14 ou 15 anos, cando nos veráns ía a pasar as tardes onda unha modista do meu pobo. Alí foi onde aprendín a pasar fíos altos, hilvanar e coser bastillas.

-Comezou pois con arranxos pero foi evolucionando cara o que estudou realmente que foi a confección...

-Co paso do tempo e pola demanda rexistrada agora fago roupa de muller, tanto de cotío coma de festa e cerimonia, e tamén algo de nena. Para home, polo de agora, non fago nada ao ser outro mundo. Teño coñecementos de patronaxe de home pero non me quero meter en máis cousas.

-Se aproveitan e se arranxan máis as prendas na actualidade?

-Aprovéitase a roupa máis que antes. Noto que se fan arranxos de prendas moi desfasadas de fai quince ou vinte anos e vexo tamén tamén que é moi difícil atopar proveedores de texidos e dar con algúns non é unha tarefa nada doada.

beatriz busto lópez deseñadora e patronista industrial en silleda

«Miña avoa ía

por Rianxo coa máquina de coser á cabeza facendo arranxos»

«Con 14 anos aprendín cunha modista a pasar fíos altos, hilvanar e coser bastillas»

«Unha peza a medida fai que sexa única»

Non se pode decir que o traballo cotiá de Beatriz sexa monótono. Elaboración de cortinas, estores, paneis xaponeses, arranxos de roupa, bordados e mesmo para eventos especiais confección de tocados ou carteiras de man a xogo cos vestidos.

-A confección feita a medida é valorada?

-No meu caso penso que a xente ten unha idea moi antiga do meu traballo, do que fago á hora de confeccionar unha prenda. Pensan que son como as modistas de antes que cortaban a ollo ou debuxaban un patrón moi básico sobre o texido. A miña roupa sente ben dende o principio e require de poucos axustes e os acabados das prendas son como as que podes atopar en calquera tenda. Sen despreciar para nada as modistas tradicionais, que tiñan coñecementos de corte e confección, eu teño a sorte de poder unir o deseño e o patronaxe industrial no meu traballo. Por sorte, e pouco a pouco, as miñas clientas se dan conta da diferencia que hai entre o meu traballo e ao da modista de toda a vida.

-Considera que ten ventaxas?

-Claro. Moitas. Facendo unha prenda a medida podes escoller a tea, os remates, o deseño e facer unha mistura de cortes. Acadarás unha prenda única e sabendo que che vai sentar ben, que vai disimular o que hai que disimular, que vas chegar a un evento e non te atoparás con outra prenda igual. E, con respecto ao prezo, todo depende da tea que se escolla e a talla pero comprobei que vestidos feitos en tallas base, por exemplo unha 44, sae ao mesmo prezo cun mercado. É máis, en ocasións, é mesmo algo máis barato. O que encarece unha prenda é a tea; non custa igual unha seda 100 % natural cun poliéster malia que á vista sexan semellantes. A man de obra está infravalorada e o cliente non está disposto a pagar por todo o traballo que hai detrás dunha determinada prenda. Dixéronme máis dunha vez cun vestido en tenda lles sae máis barato pero a calidade, os acabados e os detalles dunha prenda á medida fan que sexa unha peza única.

-Estamos en época alta de acontecementos múltiples, ¿que encargos están a primar?

-Píndenme de todo pero este ano se uneu un evento que non figuraba na lista de demandas é foi o das graduacións. Dende marzo, abril comecei a facer roupa para este tipo de eventos e de feito tiven clientas que fixeron a reserva pertinente cun par de meses de antelación respecto da data do acontecemento.

«Tes que entender o que busca a clienta para que se atope a gusto coa prenda feita»

Encaixes e pedrerías. Vestidos lady; con corpos cinguidos, escotes nas costas e saias de voo, é o que se ven demandando segundo Beatriz Busto.

-A clienta se deixa aconsellar ou acode cunha idea fixa?

-Hainas de todo tipo. As que saben o que queren e as que non teñen nin idea e aquelas que veñen na procura dalgún consello e logo van mudando a previsión inicial... Normalmente déixanselle aconsellar e cando é para unha voda pasámonos mínimo unha hora ollando cortes, teas e facendo deseños ao gusto da clienta. Isto é sumamente importante xa que, se non entendes o que busca a clienta, por moi ben feita que esté a prenda nunca se atopará a gusto coa mesma.

-Mesmo fai vestidos de noivas...

-Realmente foi un encargo que non me esperaba. Toda unha sorpresa. A noiva confiou plenamente en min sen coñecerme de nada e iso púxome nerviosa pola responsabilidade que supuña. Afortunadamente todo saiu ben; a noiva encantada e eu moi leda de facerlle o vestido dos seus soños.

-Ao longo destes anos habería oco para máis dun encargo chamativo...

-O máis chamativo que me pasou foi que me pediran que lles racahara un pantalón vaqueiro e un encargo de traxe de Xeneral do Ulla. O resultado foi espectacular e en boa medida por haber participado no curso de confección de traxes de xerais que impartiu o xastre Luis Montáns en A Estrada. Ver rematada unha peza con ledicia por parte da clienta non ten prezo.