«A cultura non se pode gobernar»

óscar manzano A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

David Otero repasa as súas vivencias como mestre, agora xa xubilado, e escritor.
David Otero repasa as súas vivencias como mestre, agora xa xubilado, e escritor. marcos míguez< / span>

Otero séntese confiado en que os posibles cambios políticos en Galicia propiciarán reformas ante a actual falta de actuacións a prol do idioma

12 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

David Otero Fernández (Santiago de Compostela, 1946) naceu no Hostal dos Reis Católicos, cando aínda era un «hospital para pobres». Convencido de que Rosalía de Castro puido nacer na mesma habitación ca el, comparte con ela a paixón pola literatura e a lingua galegas. Persoa polifacética, adicou a súa vida á ensinanza sen esquecer a súa faceta de escritor e a súa defensa e loita polo idioma.

-Aínda que é compostelán, vostede viu á Estrada aos 28 anos.

-Si, eu cheguei a dar clase no colexio Lourdes, porque eu fun compañeiro de estudos de don Enrique -fundador da escola-. Así, cando casei e empecei a buscar traballo, vin ao Lourdes. Logo, no 75, aprobei as oposicións, e na primeira escola na que estiven foi en Troáns (Cuntis). Logo de aí fun a Souto de Vea, marchei ao País Basco, a Beasáin (Guipúscoa) e despois xa vin ao Foxo, onde botei vinte e moitos anos. Finalmente rematei no IES nº1 ata agora, tras quince anos. Case 40 anos de servizo, de dar clase.

-Durante estes 40 anos de traballo, vostede viviu os distintos plans educativos do país. Cal cre vostede que foi o mellor momento para a educación en Galicia?

-O mellor momento pódese dicir que foi entre a Logse e a Loe; non era unha normativa senón algo que pretendía ser comprensivo. A Lomce está xa perfectamente regulada, cunha intencionalidade clarísima, que é preparar para traballar. E acabouse. Non responde a plantexamentos realmente educativos, vai ao instrutivo. Agora, tamén teño que dicir, e que se me entenda ben, que algo que foi moi espranzador, porque cambiou totalmente a estrutura educativa, foi a Lei Xeral de Educación nos últimos anos do franquismo, rompendo con todo o sistema de posguerra.

-Segundo os últimos estudos, a pesar de que aumenta o coñecemento da lingua galega, o seu uso segue a diminuir. Cre que a xente nova está desencantada co idioma?

-Non. Na miña visión, a xente nova nunca coñeceu nin leu tanto na vida. Luzes de Galiza, Praza Pública... todo o mundo está aí. Despois hai unha acción institucional normalizadora que é a que non se fai. Hai que ver a situación. No castelán non hai inhibición, pasividade; co galego si. Por exemplo, ven o Rei aquí. O Presidente da Xunta podería falarlle en galego e establecer un sistema de tradución simultánea, como sucede en Cataluña e Euskadi. Todo é vontade.

-Vostede foi membro fundador de numerosas asociacións literarias e que traballan a prol do idioma galego. Axudaron a que se avanzara na normalización da lingua?

-Si. O Pedrón de Ouro ten un premio literario desde 1974; o primeiro mozo gañador foi Xosé Luís Méndez Ferrín; o segundo, Víctor Freixanes; o terceiro, Xavier Alcalá... Esta mocidade puido incorporarse ao mundo literario grazas a este premio. Por outra parte, todos os anos a Consellería de Cultura sacaba unhas axudas para asociacións culturais. Levan 5 anos sen sacalas. Sospeito que o que están facendo é gobernar a cultura, e a cultura non se pode gobernar.

-Considera que os cambios políticos que se están a sufrir en Galicia van ser positivos para o idioma?

-Penso que a intención de facer cambios desde forzas nacionalistas e «mareas» existe. Os alcaldes de Santiago, A Coruña e Ferrol tiveron unha reunión coa Mesa; Martiño Noriega vén de dicir que vai apoiar o uso do galego no comercio. Teño a espranza de que pode ser.

-Podería definir A Estrada en tres adxectivos?

-A Estrada é un substantivo fráxil, pero a ver... Unha Estrada posible, unha Estrada plural, e unha Estrada responsable.

-E Galicia?

-Non son tres adxectivos, pero... dicir que é a miña matria, que dentro da identidade, fai posible que eu a poida denominar algo como patria.

david otero fernández educador que se xubila logo de 40 anos na docencia

«A Lomce non responde a plantexamentos educativos, vai ao instrutivo»

«Chorei ao rematar o estudo de Bóveda»

Otero Fernández, aparte de como mestre e activista en distintas asociacións en defensa da lingua galega, tamén destaca como escritor, cunha obra que se estende desde 1987, coa publicación da súa primeira obra infantil O albeldar dos animais. Así mesmo, foi membro fundador de colectivos como a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) -da cal foi tamén o primeiro presidente- ou o PEN clube galego.

-Falando de literatura, vostede é un autor moi prolífico en diversos eidos: biografías, narrativa infantil-xuvenil, ensaios,... En que xénero se sinte máis cómodo?

-No terreo no que máis contento estou é descubrindo persoas, ou sexa as biografías. Síntome moi cómodo escribíndoas. Pero iso non quita que me sinta moi ben na literatura infantil-xuvenil, especialmente na infantil, que é onde empecei. Por que fixen tanta diversificación literaria? Como Otero Pedrayo, co cal, mantendo as distancias -só teño en común o apelido- houbo un momento no que fixo tanta diversificación -teatro, poesía...-, debido a que non había nada feito.

Hai unha parte moi bonita da miña vida e é que fun o primeiro coordinador do taller literario da biblioteca Anova 33. Coñecín a moitos autores que comezaron alí.

-Con cal dos personaxes dos que realizou unha biografía se quedaría?

-Alexandre Bóveda.

-Absolutamente convencido.

-Si, si. A de Alexandre Bóveda non foi unha biografía recta; eu tiven acceso naquel momento a toda a información acerca del, a todo o que rodeaba a cada dato. E chorei. Levoume a escribir un libro, xa non só con todos os meus recursos literarios, senón tamén con todo o meu sentimento cómplice cun home inxustamente asasinado. É duro ler como un fiscal entrou na sala a condenalo a morte, despois de todo o que pasara día a día.