Un milleiro de nenos enchópanse de galego 

M Garabantes

A ESTRADA

O Correlingua é unha proposta lúdico-educativa que reivindica o dereito a medrar en galego.
O Correlingua é unha proposta lúdico-educativa que reivindica o dereito a medrar en galego.

A Estada celebrou unha nva edición do Correlingua con alumnos estradenses e de Forcarei e Silleda

26 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada foi onte epicentro da reivindicación do galego. Milleiro e medio de estudantes de nove centros educativos de Educación Infantil, Primaria e Secundaria da zona protagonizaron unha nova edición do Correlingua, a carreira pola lingua organizada en doce comarcas galegas por CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio Pedagóxica Galega. Os colexios estradenses participantes foron o CEIP Cabada Vázquez de Codeseda, o CEIP do Foxo, o Pérez Viondi e o Figueiroa. Na iniciativa tomaron parte tamén os alumnos dos tres IES locales: García Barros, Antón Losada e IES Número 1. Outros dous institutos da contorna sumáronse á defensa da lingua: o IES Pintor Colmeiro de Silleda e o Chano Piñeiro de Forcarei.

«Galego, a nosa creación común»

O Correlingua deste ano desenvolvíase baixo o lema: «Galego, a nosa creación común». Iso non foi impedimento para que cada centro sacase á rúa as súas propias mensaxes, moitas delas vencelladas cos proxectos multidisciplinares deste curso académico. No colexio de Figueiroa, ó abeiro do proxecto Viaxe polo mundo, cada clase investiga e profundiza todo o ano sobre un país do mundo. Por iso no Correlingua os rapaces luciron no peito bandeiras de diversas nacionalidades acompañadas da palabra utilizada nos seus idiomas para designar o galego. Pola súa banda, no colexio Pérez Viondi cada aula traballou sobre un campo semántico determinado e cada alumno elixiu unha verba dese campo para levar prendida na parte frontal da camiseta. Nomes de paxaros e de instrumentos musicais foron algúns dos exhibidos. No CEIP de Codeseda, pola contra, todo xirou en torno ós muíños, o tema do proxecto que se traballa este ano.

O Foxo lembra o seu problema co transporte

Aproveitando a marcha pola lingua, o CEIP do Foxo sacou á rúa tamén a súa reivindicación dunha parada de bus no casco urbano para recoller ós alumnos da capitalidade que cursan estudios no colexio rural. Todos os nenos locían no lombo un debuxo co lema: «Para ir á escola, mellor en autobús». Por diante, levaban nomes de xogos tradicionais galegos e unha rama de buxo, símbolo do centro.

Remate con concerto e solta de globos

Despois de percorrer as rúas, a Praza da Feira encheuse de ritmo co concerto do grupo O Bocinazo. Para rematar, unha solta de globos con mensaxe para espallar os desexos de saúde do galego.