Manuel Porto Verdura e A Estrada

Dous emigrantes a Cuba no pasado século compartían o mesmo nome


a estrada

A estima de Xosé Neira Vilas polas xentes e terras estradenses propiciou, moi recentemente, a xenerosa doazón ao Museo Manuel Reimóndez Portela dun legado documental da súa propiedade que comprende unha novela de título El hijo de Mariana e dous relatos denominados, respectivamente, Recordando a Claribel e Cantos Marín y el mar, este último dedicado ao futbolista galego Eduardo Cantos Marín, que emigrou a Cuba no 1923. Sen embargo o verdadeiramente significativo deste fondo reside na extensa autobiografía do autor -arredor de 700 folios mecanografiados-, que non é outro que Manuel Porto Verdura (Souto, A Estrada 1909 ? Camagüey, Cuba 1999).

Porto Verdura, que emigrara a Cuba no 1926, con 17 anos de idade, nunca chegou a coñecer persoalmente a Neira Vilas pero mantivo con el unha fecunda relación epistolar plasmada en máis de trinta cartas ?conservamos as recibidas polo escritor de Gres? redactadas durante os anos 1989 e 1990 nun enxebre galego entreveirado de pándigos castelanismos caribeños. Acompañando a cada misiva chegaban puntualmente dez folios cun capítulo da súa vida, dende o nacemento no lugar de Terreboredo deica principios de 1990, onde remata o seu relato autobiográfico. É aquí onde, ao meu xuízo, reside a importancia deste legado, pois vainos facilitar o cabal coñecemento dos modos de vida no rural estradense de principios do século XX e os hábitos e costumes dos emigrantes de alén o mar.

Non debemos confundir, sen embargo, a este Manuel Porto Verdura co seu homónimo, coñecido entre nós co apelativo de O Escobeiro. Ademais da coincidencia de nomes e apelidos, cabe engadir a circunstancia de que un e outro naceran en parroquias moi próximas; emigraran os dous a Cuba e incluso traballasen na mesma empresa, El Águila de Nigoy, propiedade do Escobeiro, na cidade da Habana. Tamén parece evidente o parentesco, máis ou menos lonxano, entre ambos os dous. Pero aquí acaban as coincidencias pois se ben o Manuel Porto Verdura de Souto, amigo de Neira Vilas, vén nacendo no 1909, o Escobeiro fixérao en Nigoi trinta e tres anos antes, no 1876. O seu itinerario vital, polo demáis, segue traxectorias abondo distintas.

O Escobeiro, home intelixente, ousado emprendedor e promotor inmobiliario, ofrecéralle traballo a Manuel Porto como vendedor ambulante das brochas, cepillos e escobas que fabricaba na capital cubana. E lembremos, por último, que Porto Verdura, O Escobeiro, comprou o vello templo parroquial da Estrada trala desafectación da súa función relixiosa e foi propietario de céntricas esquinas da vila estradense onde aínda hoxe podemos contemplar algunhas mostras da mellor arquitectura urbana.

Agradecemos a Angelines Couceiro, Pepe Barreiro e Manuel Chao a súa amable colaboración.

reportaxe

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Tags

Manuel Porto Verdura e A Estrada