«Estou convencido de que, a nivel global, non hai crise de educación»

La Voz

A ESTRADA

11 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aínda que xa exercera como sacerdote en diversas igrexas dos municipios de Zas, Vimianzo, As Pontes ou A Estrada, hai uns anos entrou como director espiritual no Seminario Menor da Asunción. Ao pouco tempo xa exercía de titor nos grupos de bacharelato, aparte de impartir a materia de relixión.

-¿Como foi a súa experiencia no Seminario Menor?

-Ao primeiro a miña labor consistía en acompañar aos rapaces espiritualmente. Era como o seu confidente. Por unha parte era mellor que ser titor porque non tiña que avalialos. Os rapaces, en xeral, son moi agradecidos, dicían que comigo se pode falar.

-A día de hoxe, ¿hai moitos rapaces que queiran ser curas?

-Os estudos propiamente de cura cúrsanse no Seminario Maior. Este ano ningún dos alumnos que remataron bacharelato no Menor decidiu prepararse para o sacerdocio. Pero a min iso non me preocupa, o importante é que vivan na fe e cheguen a ter experiencia de cristo, un encontro con el.

-¿Teme que cheguen a desaparecer os sacerdotes?

-Nin de broma. Estou convencido de que, a nivel global, non hai crise de educación. Nestes momentos, en Europa estase reducindo o número de sacerdotes, pero noutras partes do mundo houbo unha renovación da fe cristiá. A impresión actual é que hai unha vivencia máis persoal da fe.

-¿Como é a xuventude de hoxe en día, desde o seu punto de vista relixioso?

-Teñen os seus anhelos e as súas dúbidas. Tal e como está o tema, o que faltan principalmente son criterios. A veces, os exemplos que teñen non son os máis indicados. Pero a cousa está aí, basta con mirar a Xornads da Xuventude de Madrid na que diferentes grupos da Igrexa, dende os máis tradicionais aos máis innovadores, se uniron e crearon bo ambiente.

-¿Que lle diría á xente que non cree?

-Que eles o perden. Respecto os seus pensamentos, pero dubido que non teñan ningún tipo de crenza. No ser humano vai inerte o de crer en algo ou en alguén. Buscamos a felicidade.