Xián Sánchez quere estudar o dobre grao de Matemáticas e Física na USC
27 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O estradense Xián Sánchez Suárez é un alumno sobresaliente. Xa se vía vir de lonxe e acaba de quedar confirmado coa inclusión do seu nome no listado dos vinte estudantes galegos que acadaron o Premio Extraordinario da ESO ao Rendemento Académico no curso 2025-2026.
A este premio pódense presentar todos os alumnos cunha nota igual ou superior ao 9 no conxunto dos catro cursos da ESO. Xián, que estudou Secundaria no IES Antón Losada Diéguez, decidiu probar sorte. «Os exames foron a finais de xuño, xusto despois de acabar as clases. Eu mirei un pouco como era a convocatoria, pero realmente non me preparei especificamente para iso porque me cadraba cun título de inglés e preparei o de inglés», confesa.
En inglés, Xián Sánchez sacou o C1 Advanced de Cambridge, un certificado de inglés de nivel avanzado que acredita un dominio operativo e eficaz do idioma.
«Os idiomas non me tiran especialmente, pero inglés estúdoo desde moi pequeno porque na casa sempre consideraron que me podía ser útil, así que, agora que estou, este curso vou tentar sacar o C2. Por acabar», explica o estudante.
A pesares de centrarse no exame de inglés, nas probas do Premio Extraordinario da ESO, ás que acudiu co aprendido no instituto, non lle foi nada mal. «Hai unha parte de Lingua, Lengua e Inglés e outra de Mates e Historia», explica Xián. «Saín pensando que o exame que mellor me saira fora o de Mates, pero a mellor nota saqueina en Galego», conta.
O estudante enterouse do premio pola súa nai. «Tiña pensado facer un vídeo reaccionando cando saíran os resultados, pero non me dou tempo. O sentimento xeral foi de alegría. Aínda o estou procesando», explica.
Aínda que o premio leva aparellada unha retribución económica, para Xián é o menos importante. «O que me interesa, de cara ao futuro, é que iso me quede aí no currículo. Sempre é algo positivo», comenta.
Xián Sánchez ten entre as súas afeccións o fútbol sala. Nos últimos anos xogaba na UD Estrada e este ano faino do Estrada Futsal. Porén, a súa auténtica paixón é a ciencia. Con 13 anos foi un dos 25 mozos seleccionados polo programa da USC para estimular o talento matemático e moito antes diso xa estaba enganchado á divulgación científica en materias como a física ou a astronomía.
«Estudo moito pola miña conta as materias que me interesan, como Matemáticas e Física. Aos exames da ESO, a verdade, non lle dediquei moitísimo tempo. Igual estudaba dous ou tres días antes porque aí dábame igual ter un 8 ca un 10, aínda que agora de cara a Selectivo terei que intentar sacar o máximo para poder entrar na carreira que quero», reflexiona.
Xián xa participou algunha vez nas Olimpíadas de Matemáticas e este ano está a prepararse outra vez para elas. «Teño moita curiosidade e paréceme entretido. A ver se hai sorte, porque en Galicia está moi difícil entrar entre os tres primeiros clasificados», conta.
Ao estudante, que agora cursa primeiro de Bacharelato no IES Antón Losada Diéguez, gustaríalle estudar na USC o dobre grao de Matemáticas e Física. «Se non me dá a nota, terei que elixir», di.