Picallo, xa lonxe do Sobreiral de San Roque

Manuel Estévez

DEZA

En meses aínda recentes conversamos no seu taller abeirando a Capela de San Roque de Goian, non moi lonxe da fortaleza no bordo miñoto, tramo final do pai dos ríos galegos, antes de abrazar as augas atlánticas, nas saias do Monte Santa Tegra.

Alí no sobreiral, onde residira o pintor, Antonio Fernández, preto igualmente das moradas dos artistas inesquecibles, Xavier Pousa, Eliseo Alonso ou da Fundación Xoán Piñeiro, aqueloutro escultor chegado de Hío, o mesmo que o contratara noutrora.

Perto de Centinela en San Campio de Figueiró e de Estás, moraban o pintor Mario Rodríguez e o escultor Antúnez Pousa, uns e outros deixaron baleiro o triángulo sur galaico, camaradas das artes, xa moran xuntos no alén, ficando o Baixo Miño, inclusive a outra beira do pai dos ríos galegos, xa na lembranza.

Xuntanzas amigables naqueles días, exposicións, Cuatro Escultores na Casa da Anta, en Lanhelas e mesmo Intercambio Luso Galaico, na Galería Caminhense.

Picallo camiñaba cada mañanciña, cruzando o Miño, nas saias da serra da Gavea e o Monte Castro, presidido polo Cervo Rei de Xosé Rodrigues, inesquecible escultor portugués, alma mater da Bienal de Vilanova de Cerveira,

O de Cuntis, acostumaba tomar café, na baranda portuguesa da Vila das Artes, para logo regresara ao taller para seguir dándolle forma a bloques pétreos. Ultimamente tamén pintaba.

Foi igualmente peregrino polo Camiño francés, experiencia narrada no libro De Roncesvalles a Santiago de Compostela- Un escultor en el Camino.

Tantas e tantas historias que xa forman parte do acervo cultural patente en obras escultóricas: Poeta Cabada Vázquez, A Estada; Encontro dos mundos, Baiona; Caudillo Celta e Feliciano Rolán, A Guarda; Canteiros, Cuntis; Muller Labradora, Forcarei e outras obras en Lugo, Meira, Nigrán, Tomiño, Tui, Porriño, O Rosal, Valencia, Andalucía, Suiza Arxentina, Brasil, Canadá, Chile, Puerto Rico e mesmo Estados Unidos, unhas e outras plenamente integradas e convivindo á intemperie, aquí e alén mar e moitos anos de traballo para poñer en valor formas de vida, a través da pedra, acadando unha transcendencia de grande nivel a través da creación de esculturas aquí e alén Miño.