Voz Natura suma oito proxectos educativos en Deza e Tabeirós

a. g. Seoane LALÍN / LA VOZ

DEZA

As iniciativas abordarán a biodiversidade, a reciclaxe e o coidado da contorna

27 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Voz Natura, o programa medioambiental de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, cumpre neste curso académico trinta anos de existencia. Está patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex, e dos catrocentos proxectos seleccionados en toda Galicia para este curso, hai oito que se desenvolverán en distintos centros de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

a eSTRADA

Asociación Educativa Elfos. Volvemos ao río: axudamos ao salmón do Ulla. Esta iniciativa consistirá en desenvolver unha pequena proposta educativa na escola onde o alumnado descubrirá que é un río, que animais viven nel e por que é importante coidalo. Como actividade principal do proxecto, organizarase unha saída ao río coa participación das familias e da comunidade, na que os nenos poderán observar o ecosistema fluvial e participar simbolicamente na solta de alevíns de salmón, en colaboración con técnicos ambientais da Xunta ou doutras entidades relacionadas coa conservación do río. Antes da saída realizaranse actividades sinxelas na aula para familiarizar aos nenos co río e os peixes mediante imaxes, xogos sensoriais e materiais naturais. Durante a xornada no río, as familias acompañarán aos nenos na observación da natureza, a exploración do entorno e a liberación dos pequenos peixes.

 

CEIP Cabada Vázquez. Unha chea de vida no patio IV. Con este proxecto preténdese seguir colaborando no cambio físico do patio e de toda a contorna da escola. Trátase de continuar dando vida a unha parcela de arredor de 7.000 metros cadrados que a día de hoxe conta cun horto e numerosas árbores e arbustos dos que hai que facer unha reposición. Así mesmo, construirase unha viña dentro do recinto e seguirase mantendo actuacións como as recollidas de lixo na contorna, o mantemento e renovación das plantas ornamentais das xardineiras que rodean o centro, o mantemento e utilización da zona próxima ao río (que forma parte do centro), a renovación do composteiro ou a continuación das actividades de reconstrución do galiñeiro.

 

CEIP do Foxo. Agrofoxo. A escola aproveitará que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 2026 como Ano Internacional da Agricultora para enfocar o seu proxecto neste tema tan importante como necesario. A proclamación está aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en particular co fin da pobreza, a erradicación da fame e a seguridade alimentaria, así como a promoción da igualdade de xénero, e enmárcase dentro da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e relaciónase con resolucións previas da ONU que abordan o empoderamento das mulleres rurais e a seguridade alimentaria a nivel global. Ademais, o proxecto afondará na horta escolar, o cultivo ecolóxico e o comercio de proximidade.

 

CEIP Plurilingüe de Oca. Gardiáns da biodiversidade no cole. A perda de biodiversidade e o deterioro dos ecosistemas próximos son algúns dos principais problemas ambientais actuais. Por iso, a través deste proxecto, o alumnado converterase en gardián do entorno natural próximo ao centro, investigando a biodiversidade local e realizando accións concretas para mellorala. A iniciativa fomentará a conciencia ambiental, a participación activa e o pensamento científico.

 

Lalín

CEIP Xesús Golmar. Dalle voz á natureza. Os obxectivos deste proxecto son fomentar a importancia da natureza na vida das persoas, poñer en marcha unha horta escolar urbana na que participen alumnos de educación primaria e infantil, realizar dúas saídas pola contorna para a recollida de lixo, identificar as árbores do centro e deseñar carteis cos seus nomes, mellorar a estrutura de separación de residuos nos espazos verdes do centro e crear un programa na radio escolar onde se difundan as accións da iniciativa. Ademais, o proxecto pretende fortalecer a relación entre o centro educativo e a contorna natural do municipio. Por outra banda, ao inicio e ao final do proxecto realizarase unha asemblea por aulas sobre o que coñecían os alumnos sobre a natureza, o coidado da mesma, as hortas ou a separación do lixo, e o que aprenderon ao longo do proceso. Ademais, elaborarán un blog de Voz Natura.

 

CEIP Xoaquín Loriga. Volvamos á orixe. Con este proxecto o centro quere transmitir á rapazada o valor dos oficios tradicionais e artesanais de Galicia, arraigados nunha contorna rural e marítima. Estes oficios destacan ademais polo uso de técnicas ancestrais e de materiais naturais nobres, que promoven a sustentabilidade e a identidade cultural de Galicia. Por iso, preservar os oficios artesanais de sempre garante o relevo xeracional tan necesario para que non se perdan e queden no esquecemento. Deste xeito, a iniciativa abordará como a chuvia ou o sol determinaban as épocas de sementeira, recolleita ou o traballo ao aire libre dos pedreiros; a influencia da humidade na madeira para os carpinteiros ou a importancia do vento e a temperatura no secado das pezas de olería; e o estudo de refráns e predicións tradicionais que vinculan o tempo cos oficios, promovendo o uso da lingua galega de xeito contextualizado.

 

IES Ramón María Aller Ulloa. AllerUlloaNatureza. Esta iniciativa pretende promover a educación ambiental e a acción directa sobre o entorno máis próximo do centro. O instituto atópase nun contorno semiurbano e está actualmente en proceso de ampliación de instalacións, o que supón unha oportunidade para implicar ao alumnado na transformación do espazo escolar nun lugar máis sostible, habitable e respectuoso coa natureza. O proxecto pretende desenvolver no alumnado valores de respecto ambiental, uso responsable dos recursos e coñecemento da flora e fauna autóctonas, así como fomentar a participación activa na mellora do entorno escolar e do Camiño de Santiago (Camiño de Inverno), presente na contorna.

 

Vila de Cruces

CEIP de Cerdeiriñas. Cultivando o futuro, horto escolar e reciclaxe sostíbel. Para este trinta aniversario, o centro instaurará unha nova forma de traballar, polo que dedicará cada mes a temas como o ciclo dos residuos, a importancia da auga ou as plantas que curan. Tamén fará talleres de reciclaxe creativo para crear, por exemplo, elementos útiles para o horto (cerres con botellas, sinalizacións con cartón ou macetas con botes). Ademais, o centro fará saídas pola contorna con diferentes obxectivos: recollida de lixo, repoboación de terreos próximos ao centro, observación de cultivos ou identificación de plantas usadas en remedios caseiros.