Montserrat Varela Vázquez gaña o premio Avelina Valladares con «Consciencia da impermanencia»
DEZA
A santiaguesa que ten fixado o domicilio en Arzúa recibirá 2.000 euros
31 ago 2026 . Actualizado a las 20:45 h.O xurado encargado de fallar o Premio de Poesía Avelina Valladares escolleu este luns a obra presentada por María Montserrat Varela Vázquez como gañadora da trixésima edición dun certame que leva o nome da Cantora da Ulla. O poemario, elixido entre as 25 obras que competiron polo premio, presentouse baixo o lema Fendas na brétema. Aberta a plica, o título da peza gañadora resultou ser Consciencia da impermanencia.
O xurado citouse na Sala de Xuntas do consistorio estradense ás dez da mañá. Estivo integrado por Xoán Carlos García Porral, Constantino Regueira Paz, María Begoña Porto Brea, Esteban Folgar Brea e Dolores Araújo Arias, esta última exercendo como secretaria.
Destacou da obra a estruturación do poemario así como «a harmonía do día dende o amencer ao solpor pasando polo atardecer e transitando por paisaxes claras nas que o saber, o buscar e o querer enchen unha vida asentada na esencia que nos define e que, deste xeito, transcenderá».
María Montserrat é natural de Santiago de Compostela pero ten fixado o seu domicilio en Arzúa. Exerce coma traballadora social e xa ten acadado o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no ano 2025 por un ensaio presentado baixo o lema Trazos da escolma da cultura.
Aberta a plica, a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, comunicou o fallo do xurado á autora, que recibiu a boa nova durante o proceso de documentación para unha nova obra e que se declarou moi emocionada por seren este o primeiro poemario que publicará.
O Premio Avelina Valladares será entregado o vindeiro 26 de novembro, coma sempre no marco dunha nova edición da Festa da Poesía. Será nun acto aberto no Teatro Principal.
Este premio literario impulsado polo Concello da Estrada na honra e lembranza de Avelina Valladares ten unha dotación económica de 2.000 euros, xunto coa publicación do poemario en Edicións Fervenza.