Foi unha xornada de festa e de recoñecemento a un traballo que segue vivo
23 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Soutelo de Montes é a capital da gaita e onte festexou ao gaiteiro cunha nova xornada chea de emocións, recoñecementos e, como non podía ser doutro xeito, de música. Recuperábanse as medallas de ouro do Gaiteiro de Soutelo que nesta ocasión recaeron en Rubén Troitiño García, polo seu traballo de investigación, recuperación, documentación e divulgación da historia musical de Terra de Montes e a Xosé Manuel Rivas Troitiño pola súa labor pioneira de investigación e divulgación da figura de Avelino Cachafeiro. A título póstumo, o Concello de Forcarei, fixo entrega aos seus familiares, das medallas de ouro concedidas a Avelino Alberte Fírvida pola recuperación da tradición gaiteira en Soutelo de Montes e na formación de moitas novas xeracións de músicos e a Francisco Alberte Fírvida, pola súa traxectoria musical e polo seu compromiso coa conservación da memoria de Avelino Cachafeiro.
Pola mañá, a xornada arrincou ao son da Banda de Gaitas de Forcarei, encargada de dar un pasarrúas. No Auditorio, a alcaldesa, Belén Cachafeiro, presidiu os actos de presentación da nova ubicación do mural de Avelino Cachafeiro Voando coas ás da vida e a presentación da réplica do chaleco de Castor Cachafeiro ateigado de medallas e que fora entregado no ano 2006 ao entón alcalde de Forcarei, David Raposeiras, pola Irmandade Galega de Caracas.
Na Praza dos Gaiteiros, o profesor e gaiteiro, David Bellas, deu o pregón e se fixo entrega das Medallas de Ouro do Gaiteiro.
Nesta edición número 47 non faltou a tradicional ofrenda floral e a asociación O Fiadeiro poría remate do acto cun espectáculo de música e baile que daría paso logo a un xantar popular no Parque Venezuela.
Pola tarde se sucederían as actuacións musicais nun programa que estaba previsto que pechase Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre cun concerto financiado pola Deputación de Pontevedra na Praza dos Gaiteiros. Antes diso no Parque Venezuela actuaron Os Charanghaitos e 7 Ferrados e Sadeo, na Praza dos Gaiteiros.