A 47 edición da Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes abrirase hoxe ás 11.00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Forcarei. Ás 11.30 horas o auditorio acollerá a presentación oficial do mural de Avelino Cachafeiro Voando cas áas da vida, trasladado desde a casa familia do Gaiteiro de Soutelo ó espazo municipal para a súa preservación. Nese lugar quedará exposta tamén a réplica do singular chaleco ateigado de medallas de Castor Cachafeiro, entregada no ano 2006 ao entón alcalde de Forcarei, David Raposeiras, pola Irmandade Galega de Caracas.
O acto central da festa será ás 12.00 na Praza dos Gaiteiros, con benvida da alcaldesa, Belén Cachafeiro; pregón a cargo do músico David Bellas e entrega das recuperadas Medallas do Gaiteiro de Soutelo a Xosé Manuel Rivas Troitiño e Rubén Troitiño García e, a título póstumo, a Avelino Alberte Fírvida e Francisco Alberte Fírvida. De seguido a Asociación Cultural e Folclórica O Fiadeiro ofrecerá un espectáculo de danza e música que dará paso ao xantar popular no Parque Venezuela, con polbería e merendas privadas.
Ruada e moito máis
Pola tarde está prevista a actuación de Os Charanghaitos (16.00 horas) e de Sete Ferrados (17.15) no propio Parque Venezuela. O broche da tarde poñerao unha ruada libre.
Ás 19.30 horas a actividade trasladarase á Praza dos Gaiteiros, onde a Asociación Cultural Sadeo de Ponteareas ofrecerá un espectáculo de música e baile. Para rematar, ás 21.00 horas, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre ofrecerán un concerto, promovido pola Deputación de Pontevedra, na Praza dos Gaiteiros.