O festival As Nosas Músicas terá zona gastro, acampada libre e servizo de bus

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Nove grupos amenizarán as noites folk do xoves e o venres

09 ago 2026 . Actualizado a las 20:56 h.

En Couso (A Estrada) andan estes días cos últimos preparativos para a vixésimo novena edición do festival As Nosas Músicas, que se celebrará este xoves día 13 e o venres 14. A cita coa música tradicional, que segue a medrar cada ano, conta desta volta cun cartel xeitoso e cunha organización reforzada grazas ao apoio dos participantes no campo de voluntariado xuvenil que estrea a localidade.

A festa arranca o xoves cunha ruada a partir das 21.00 horas na que participan os grupos De Cotío, Arreixeira, Lembranzas do Tambre, Soalleira e Sete Ferrados. O venres 14 será o día grande. Desde as 21.30 horas pasarán polo escenario do festival Bouba, Carapaus, Coanhadeira e Caldos e os Rabizos, que darán paso a unha foliada libre e aberta que ten sona de ser das máis participativas de Galicia. Como manda a tradición, o grupo Art-Monium encargarase da animación a pé de pista. O luthier Joaquín Espiño recibirá o Premio ANM 2026 pola súa contribución á difusión e posta en valor da requinta da Ulla.

O cartel do festival complétase cunha longa lista de actividades polo día e unha mostra de artesanía en paralelo. O xoves 13 haberá xogos tradicionais ás 17.00 horas e actuación de Títeres Alakrán ás 19.30. O venres 14 está prevista unha mesa redonda sobre a requinta da Ulla (12.30), sesión vermú con Vellos Requinteiros, A Requinta de Lampai e os xigantes e cabezudos de Couso (14.00), xogos tradicionais (16.30), animación con Os Sentenarios (18.30) e Art-Monium (20.00) e taller de iniciación ao baile a cargo de Miguel Barbazán (20.15).

O festival terá zona de acampada libre nunha fermosa carballeira con boa sombra e baños e tamén servizo de bus desde A Estrada, con parada en Pontevea, para o día 14. A saída será ás 21.00 horas da Praza da Farola da Estrada e o regreso desde Couso ás 4.30 e ás 6.00.

 Oferta gastronómica

No festival volverá funcionar o sistema cashless, con pulseiras recargables para facer todos os pagos dentro do recinto, onde haberá barras de bebida e un recuncho gastronómico con presenza do restaurante Río Ulla (que ofrecerá bocadillo de xamón asado, bocadillo vegano e patacas bravas ou alioli), a firma Pepa a Loba (pizza enteira ou en porcións) e a Polbería Sanjurjo (churrasco, polbo e pan).