A Fundación Neira Vilas aplaude a elección do autor para as Letras

A. G. SEOANE LALÍN / LA VOZ

DEZA

Xosé Neira Vilas.
Xosé Neira Vilas. OSCAR CELA

Sinala que a súa obra abrangue unha gran variedade de xéneros

09 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Tralo anuncio de que o Día das Letras Galegas do 2027 estará dedicado a Xosé Neira Vilas, multitude de institucións, alcaldes e asociacións mostraron a súa alegría por esta noticia, que supón un recoñecemento máis para o autor de Gres (Vila de Cruces). A estes festexos sumouse tamén a Fundación Neira Vilas, que quixo trasladar á Real Academia Galega (RAG) un cordial sentimento de gratitude por esta decisión.

«Asumimos tamén con agrado aquilo que para a nosa entidade acada unha nova dimensión: o compromiso e a responsabilidade. O compromiso no uso e defensa da lingua galega, que o autor de Gres mantivo durante toda a súa vida, que sempre practicou e que xa figura na dedicatoria daquel libro primeiro de 1961, Memorias dun neno labrego. A responsabilidade de traballar na salvagarda e a difusión do legado literario de Neira Vilas, e tamén de Anisia Miranda, a súa compañeira de vida, pero, sobre todo, a escritora e pedagoga que xenerosamente se uniu á causa da cultura galega e que, como cubana e castelanfalante, adoptou o galego na súa propia creación literaria», expresou a entidade nun comunicado.

A fundación que leva o nome do escritor destaca tamén que, máis alá da gran repercusión que tivo Memorias dun neno labrego, a obra de Neira Vilas abrangue «un voluminoso corpus bibliográfico que inclúe o conto e a novela, a poesía, o ensaio e a investigación, o xornalismo e a literatura memorialística». Un mundo literario no que conviven a Galicia rural da posguerra, a indagadora ollada infantil sobre o mundo rural desa época, a poliédrica realidade da emigración a América e o alento social na denuncia da inxustiza e da opresión.

A entidade salienta ademais que Neira Vilas formou parte da RAG dende o 17 de novembro do 2001, onde ocupou a cadeira de Xoaquín Lorenzo, que logo pasaría a Marilar Aleixandre. Por outra banda, lembra que o escritor investigou as orixes da RAG en Cuba. Alí indagou na creación da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, iniciativa promovida polo emigrante ferrolán na Habana Xosé Fontenla Leal, quen convenceu a Curros Enríquez para que fose o seu primeiro presidente. O 20 de abril de 1970, esta entidade queda oficialmente extinguida cando o seu último secretario e asociado, Antonio do Campo, entregou a Neira Vilas a chave do local, que estaba no centro galego, e díxolle que dispuxese do que alí se gardaba.

Este fondo documental e bibliográfico foi depositado finalmente na Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Ciencias de Cuba. Así o explicou Neira Vilas no libro Manuel Murguía e os galegos da Habana. Precisamente, de Murguía, e tamén de Euxenio Carré Aldao, son as 135 cartas que enviaron á citada Asociación Iniciadora e Protectora e que Neira entregou na RAG no ano 2000 ao seu presidente naquela altura, Francisco Fernández del Riego.