Foi arrincado do pedestal e apareceu tirado a trinta metros
30 jun 2026 . Actualizado a las 21:51 h.En xuño de fai un ano descubriuse xunto á Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) un busto para homenaxear a Victorino Gutiérrez, falecido en xullo do 2024. Quen foi notario de Lalín durante décadas, un home moi querido, a quen todo o mundo coñecía por Coco. Un acto celebrado co gallo da XVI asemblea xeral da Irmandade Xurídica Galega, en colaboración coa USC e a Xunta. Unha forma, como meses antes ocorría na capital de Deza, de recoñecer o seu compromiso co galego, pioneiro no seu emprego no campo xurídico. O busto foi obxecto dun acto vandálico a finais da pasada semana, cando alguén arrincou a peza de bronce do pedestal onde estaba colocada.
Foi o venres pasado cando os vándalos retiraron do monolito onde estaba anclada mediante pernos a escultura de bronce, que requeriu sen dúbida un importante esforzo físico polo seu peso. Contaba onte Xosé González, vinculado con numerosas entidades culturais e defensa do galego como a propia Irmandade Xurídica, que a peza foi tirada a uns trinta metros do seu emprazamento orixinal. Desde a Universidade presentaron a corresponde denuncia no cuartel da Policía Nacional pero á vez o seu propio servizo de seguridade, na revisión da zona en torno ao monolito, atopou o busto. Non presenta ningún desperfecto e a intención e devolver a obra en bronce feita por José Molares ao seu pedestal hoxe ou mañá, apuntou Xosé González.
Nese mesmo entorno da Facultade de Dereito tamén hai outras esculturas como a dedicada a Fermín Penzol, pero que non sufriron un ataque de características similares. González apunta á posibilidade de que o busto de Victorino Núñez está máis próximo ao camiño e polo tanto os vándalos puideron velo mellor. Confía en que detrás haxa tan solo unha gamberrada froito do consumo do alcol. «Non quero pensar que fose alguén de Lalín e por unha cuestión política, porque sería algo moi feo e de xente que non está á altura das circunstancias», destacou.
No seu Lalín natal tivo tamén unha homenaxe en abril do 2025, neste caso coa colocación dunha placa fronte ao edificio da notaría onde exerceu Gutiérrez Aller, un lugar onde «a lingua galega tivo acubillo e uso continuado nos protocolos notariais», como reza nese bloque de granito.