A Praza de Galicia incorporará este domingo a escultura da familia Castelao-Pereira

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Concello da Estrada

O galeguista ofreceu un discurso histórico no lugar hai 70 anos

24 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada estreará este domingo a escultura que reunirá á familia Castelao Pereira e que quedará instalada na Praza de Galicia, a escasa distancia da fonte pública que se recuperou para este espazo. A elección da data e do lugar non é casual. Ademais de coincidir coa celebración do San Paio, este domingo cumpriranse 70 anos dende que o propio Castelao ofreceu neste emprazamento un discurso histórico. No momento da súa intervención, aquel domingo 28 de xuño de 1936 unha avioneta sobrevoou este lugar da Estrada esparexendo pasquíns a prol da autonomía galega.

Ademais, a actualmente denominada Praza de Galicia foi un espazo moi importante para o matrimonio que conformaron a estradense Virxinia Pereira Renda e o rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Por ela pasearon moitas veces e tamén foi a referencia espacial do seu casamento. E é que Virxinia e Castelao contraeron nupcias o 19 de outubro de 1912 na antiga igrexa de San Paio, que estaba moi preto de onde se colocará a estatua, e festexaron a súa voda na antiga sede do Casino, na Casa do Capón ou Edificio do Escobeiro.

Tamén aquí se atopaba a fonte á que Castelao se refire na súa Carta aos Estradenses, publicada en 1941 na revista Unión Estradense. «Apaguei a miña sede na fonte da praza, onde correo a i-auga mellor do mundo», di o autor. De feito, a carón da escultura colocarase unha reprodución desta misiva ao pobo da Estrada.

A escultura é obra de Acisclo Novo, con María M. Andura como produtora da obra. Cun peso de 250 quilos, está fundida en bronce, cun tamaño de dous metros. A peza recolle á familia a tamaño natural, coma tres paseantes máis nesta zona hoxe peonil. O fillo de Virxinia e Castelao, Alfonso Xesús, ocupa o lugar central da composición, que se instalará sobre una pequena peaña para realzar e protexer a escultura.

A Carta aos estradenses vai incorporada sobre un mapa de Galicia elaborado en chapa de aceiro corten de tres milímetros sobre chapa de latón dourado e colocado nun plano elevado de pedra que funciona a xeito de atril.

A inauguración destas dúas pezas realizarase ás 13.30 horas do domingo.