O esforzo tenaz para que as novas xeracións coñezan a Wily

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

A asociación de amigos da súa obra, con Cruz Taboada ao fronte, ten a espiña cravada de atopar acomodo ao seu legado

07 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A mediados dos anos 90 os críticos da época situaban a Wily entre as principais promesas da escultura galega, capaz de experimentar con novos materiais e adaptarse ás novas vangardas sen esquecer a súa orixe rural. Unha progresión con altibaixos pola personalidade única e allea aos mandatos da mercadotecnia da arte que truncou a súa temperá morte, aínda con moito que contarnos, con moito para sorprendernos. Sen dúbida una voz clave en Galicia, con reminiscencias internacionais froito das súas becas e estadías en Francia, Italia, Alemaña, Estados Unidos,... Un creador cosmopolita que caeu nun ostracismo inexplicable durante demasiado tempo.

Un esquecemento ao que buscan poñer fin desde fai case tres lustros a Asociación de Amigos da Obra de Wily. Coa súa irmá ao fronte, Cruz Taboada, infatigable ao desalento, o traballo da entidade posibilitou visibilizar o legado que deixou ese home apegado a unha guitarra ou a un violín que, lapis, pincel ou motoserra en man, era capaz de crear maxia coa súa música, coa súa palabra, coas súas pinturas, debuxos e esculturas.

Con máis paixón que recursos, coa tenacidade de quen sabe ter a razón da súa parte, comezou a florecer unha semente plantada con respecto e cariño, pasiño a pasiño. Recuperar as pezas de madeira de pequeno formato para o seu reparto en centros educativos e outros espazos públicos que servisen de escaparate para que as novas xeracións coñezan a Wily foi unha desas accións. Primeiro como cesión e desde xa hai un tempo unha doazón permanente. Neste tempo houbo edición de postais ou libros e un vinilo, múltiples exposicións, a derradeira no 2024 no museo municipal de Lalín, con esculturas e debuxos inéditos.

A pesares dese esforzo de titáns unha espiña segue cravada entre os que queremos manter viva a obra de Wily por décadas, por séculos. Ante a imposibilidade a curto prazo de transformar o estudio de Botos nun centro interpretativo da súa arte, case un museo ou espazo para estadías de creadores, o obxectivo prioritario pasa por restaurar as pezas de gran formato que alberga. O efecto da humidade e dos xilófagos están deteriorando moitas das súas esculturas e a capacidade económica da familia e amigos para a súa restauración permite ir a unha velocidade menor da necesaria.

Desde fai tempo houbo xestións ante as Administracións ou centros de arte galegos para atopar acougo á obra de Wily. Como destacaban a principios de marzo Cruz Taboada e Paío, na presentación do premio de escultura para estudantes que leva o nome do artista, o seu legado necesita asilo. As institucións deben escoitar ese berro para conservar e poñer en valor esas pezas de liñas bastas pero harmoniosas, repletas de verdade como reflexo da natureza humana.

Unha colectiva co artista de referente e unha casete

Entre as iniciativas en marcha neste vixésimo aniversario do seu pasamento destaca unha colectiva con Wily como referente. Haberá obra exposta de artistas, desde veteráns a emerxentes, no Chabuli de Lagazós de Carlos Brea. Mentres, o colectivo Real No Real de

Madrid prepara a edición dun casete que compila varias das gravacións orixinais do creador de Botos. Estará a cargo de Edicións Fontenebro.