Un orgullo inmenso polo camiño percorrido

CD Estradense

DEZA

Xa pasaron varios días dende o último encontro da tempada, e co paso das horas o sentimento segue sendo o mesmo: orgullo. Un orgullo inmenso polo camiño percorrido e por outra tempada que xa queda gravada para sempre nos libros de historia da nosa entidade.

O Club Deportivo Estradense volveu cumprir un ano máis os seus obxectivos da man de Manuti, Javicho, Blanco, Roberto e Raquel, persoas que puxeron traballo, compromiso e corazón para facer medrar este club.

Queremos dar as grazas por unha tempada histórica, unha tempada na que puidemos gozar da Copa RFEF e vivir dúas fases nacionais que quedarán para sempre na nosa memoria, e por un equipo que nunca deixou de competir, que deu o máximo en cada adestramento, en cada partido e en cada minuto sobre o céspede. Porque sabemos que as tempadas teñen momentos bos e momentos difíciles, pero o que nunca faltou foi entrega, sacrificio e amor por este escudo.

Estamos moi orgullosos de vós porque representastes os valores desta institución á perfección.

Grazas Ale, Isra, Pablo, Carabán, Ander, Óscar, Ángel, Landeira, Pichi, Sergio Prieto, Miguel, Mella, Raúl, Brais Vidal, Gerard, Ian, Dani Pedrosa, Maquiños, Edu Taboada, Pablo Porrúa e Hugo Padín.

E tamén queremos lembrar e agradecer aos que formaron parte deste camiño e axudaron a construír esta tempada: Álex Delgado, Iván Martín, Rodri, Eros e tamén o noso cedido Hugo López.

Pero hai unha mensaxe especial que queremos deixar para o final.

Grazas a ti.

Porque sempre estiveches aí. Porque nunca fallaches. Porque sodes unha auténtica envexa a nivel Terceira RFEF, e gran parte do que somos hoxe é grazas a vós. Sodes o piar máis importante desta institución.

Ver o noso campo cheo cada dúas semanas é algo que hai non moitos anos parecía difícil de imaxinar. E hoxe convertéstelo nunha realidade.

Grazas de corazón.

Tamén queremos agradecer profundamente aos patrocinadores por manter vivo este club, así como ao Concello da Estrada e á Deputación de Pontevedra polo apoio e as facilidades ao longo da tempada.

Agora toca descansar, coller aire e recargar pilas, porque a próxima tempada volveremos con máis forza, máis ilusión e coa mesma paixón de sempre para seguir representando con orgullo á nosa vila por toda Galicia.

Ata a tempada que vén.