José Tato: «De neno facía frautas de cana cando ía coas vacas e sacáballe catro notas»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

O músico deixa os escenarios e busca a maneira de que a banda siga

21 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O folk estradense débelle moito a José Tato, un veciño de Callobre que leva a música tradicional nas veas e que foi o artífice dun festival que no 2026 cumpre 25 anos. José Tato naceu en Arzúa, de onde eran orixinarios os seus pais, que chegaron á Estrada como caseiros cando el tiña 15 días de vida. De neno viviu en Santa Cristina de Vea e en Aguións e, despois de casar con Mari Carmen Rodríguez, asentouse en Callobre, onde atopou o apoio preciso para darlle saída a unha inquietude musical que levaba durmida moitos anos.

—Cando empezou a súa paixón polo folclore galego?

—Gustoume sempre. De neno, con oito ou dez anos, facía frautas de cana cando ía coas vacas. Sacáballe catro notas e xa me parecía que era un fenómeno. Naquela época, un tío meu que vivía ao lado da nosa casa tiña unha gaita e eu sempre que podía probaba a tocala. O que pasa é que eu son zurdo e con aquela gaita non había maneira...

—Como se fixo co seu primeiro instrumento?

—Moitísimo despois. No ano 1995. Tería eu xa 48 ou 50 anos. Polo bar da estación de servizo de Ponte Liñares viña moita xente da Estrada e da Bandeira que tocaba. Un día comentei que a min me gustaba a gaita e contei a experiencia coa do meu tío. Aí foi cando me enterei de que había gaitas para zurdos. Encargueille unha a García de Riobó e empecei a ensaiar duro. Empezamos a ensaiar os venres e montamos o grupo Regatos. Estreouse no 2000, no primeiro festival Folk de Raíz. Botámoslle un peito que nin Dios porque daquela non tiñamos nin idea. Sabiamos dez ou doce pezas e foi o que tocamos.

—O festival foi idea súa, verdade?

—Foi. Eu estaba na comisión de festas de Callobre. Un membro propuxo facer tres días de festa en vez de dous. Eu propuxen que o terceiro fora un festival folk. Outro dos da comisión preguntou: «¿Y eso qué es?». Moita rabia me dou. Ao final ofrecinme eu a organizar ese festival folk para o terceiro día das festas, con axuda dalgún membro da comisión e doutra xente. O segundo ano xa se fixo fóra do programa das festas. Creamos a asociación cultural Regatos para darlle estabilidade á cita e fixamos a data no segundo sábado de xullo. Así chegou ata hoxe. Só se deixou de facer dous anos, na pandemia.

—E aí estivo Regatos todos os anos...

—Menos un, actuamos todos os anos. Agora, eu teño que deixar por motivos de saúde. As últimas actuacións foron en Paradela e Lagartóns, pero tiven que cantar sentado nun taburete e iso non pode ser. O grupo está agora mesmo nun moi bo nivel. A min gustaríame que seguiran. Eu cantaba, tocaba a gaita e a frauta. Pero con dúas gaitas e sen frauta pódense arranxar ben. De momento non están ensaiando, pero a ver se hai maneira de que sigan...

—Seguirémolo vendo polos festivais e foliadas?

—Iso si que non o deixo. É o que máis me gusta na vida. Seguirei na organización do festival e das foliadas dos Venres Folk, axudando no que poida ou polo menos dándolles ánimos. O festival está nun momento moi bo e ten corda para rato.