Talento a esgalla nun espazo nas ondas co que o IES Colmeiro honra a lingua

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Adrian Freiria

Co gallo das Letras Galegas realizan o día 15 un programa en directo aberto á asistencia de público en xeral no Auditorio da Semana Verde

09 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Co gallo das Letras Galegas o instituto Pintor Colmeiro de Silleda honra a lingua ao grande cun ambicioso programa de radio en directo, aberto ao público en xeral, que terá lugar no Auditorio da Semana Verde. Ao igual que os grandes acontecementos que contan con fotos na alfombra vermella, o espazo Diario Cultural Colmeiro. Na onda de Begoña Caamaño arrinca ás 11.30 horas no recinto cun photocall para, ás 12.00 horas, empezar cun programa en directo que desborda talento. Estes derradeiros días, todo o equipo traballa para ter todo a punto para o gran día.

A coordinación está a cargo das profesoras Edith Pazó e Natividad Diéguez e o profesor de Música, Javier María López, así coa colaboración de moitos docentes e alumnos de todo o centro nun programa coral. Os alumnos de terceiro da ESO: Uxía Rodríguez Jácome e Carlos Mariño Castro son os rexedores deste espazo. Onte estaban «emocionados e algo pola responsabilidade».

Todo empezou a principios de curso coa idea de traballar transversalmente en terceiro da ESO coa ferramenta de radio e montouse unha radio na biblioteca propia como un espazo permanente. Edith explica que «temos xa un 30 % de alumnado de fora de chegada recente nesas aulas e precisábamos ir buscando espazos para reforzar a dinamización do uso do galego arredor da oralidade e tamén vinculado á creatividade». Sobre esa base naceu este proxecto. Será un reto de final de ano aproveitando tamén que a homenaxeada deste ano, Begoña Caamaño, é unha xornalista que traballou sempre na radio vinculada ao xornalismo cultural. Será unha hora e media de radio en directo que se gravará e no que van participar rapaces de todos os niveis educativos desde primeiro da ESO ata segundo de BAC con contidos radiofónicos diferentes.

Haberá informativos, concursos, houbo rapaces que se encargaron de buscar patrocinios, co cal, explica Edith Pazó, «teremos a publicidade para eles feita por nos e iso permítenos ter uns bos premios para os concursos». O espazo contará tamén con radio teatro. Os de primeiro da ESO escribiron e prepararon unha peza de ficción sobre O tío Marcos da Portela que, apunta, «foi o primeiro xornal que se editou integramente en galego e que se celebra este ano o 150 aniversario da súa aparición e os rapaces fan unha ficción de viaxe no tempo á feira da Bandeira para buscar o xornal». Os de terceiro da ESO realizarán unha adaptación literaria. Haberá regueifeiros, a cargo dos alumnos de segundo de BAC cunha presentación a modo de regueifa e unha parte dedicada a Begoña Caamaño.

Nela «as súper lectoras farán unha pequena conversa literaria arredor de Begoña Caamaño e haberá algunha lectura dramatizada. O programa conta coa actuación dunha banda en directo. O alumnado de primeiro de BAC traballou nos derradeiros meses na creación das sintonías que acompañarán o desenrolo do programa e ocúpanse tamén dos efectos sonoros que axudan a dar ambiente ás teatralizacións.

Contarán coa presenza dos pequenos do colexio da Bandeira, de Radio Garabullo, que realizarán unha colaboración sobre Begoña Caamaño. Se exhibirá un pequeno vídeo que fixo para o Colmeiro Ana Romaní, que foi compañeira de Begoña Caamaño, e é Académica da Lingua.

Como todo programa que se prece non faltarán tampouco as entrevistas de Xiana Lastra, da Banda da Loba, xunto a cantautora Pauliña, e ambas tocarán tamén en directo para o público asistente. O programa ten un longo proceso de aprendizaxe previo. Os alumnos foron á Radio Galega, e para os efectos especiais contaron, fai unhas semanas, cun mestre de luxo, coas ensinanzas de Xes Diéguez, que traballou na sonoridade de Xirat. Profesores e estudantes volcaronse cun espazo que conta ata con decorados feitos no centro.

Tamén entrevistarán a Simón, axudante de conversa de inglés e natural de California, e a Bibiana, que está de Erasmus e é da República Checa, para coñecer como foi a súa adaptación ao galego.

Unha escaleta con máis de 40 puntos e 80 persoas enriba do escenario

O programa non lle falta detalle. Contan cun equipo de acomodadores (o Auditorio ten 600 butacas e 300 xa estarán ocupadas por alumnos). Nas derradeiras semanas os de primeiro de BAC fixeron os decorados nos «recreos creativos» e todos os implicados, que son moitos, xa traballan na posta en escena e nos ensaios previos. Uxía Rodríguez Jácome e Carlos Mariño confesaban onte sentir o peso da responsabilidade de levar o peso dun espazo que contará cunhas 80 persoas que pasarán polo escenario e «unha escaleta con máis de 40 puntos», que da unha idea do movemento continuo na hora e media de programa prevista.

Resaltan a axuda de moitos compañeiros contando que «temos o traballo moi dividido, un grupo que se ocupa de mantemento, do audiovisual, bastantes axudantes de rexedor e un técnico de son, polo que poda pasar».

Teñen prevista calquera posible incidencia que, nos programas en directo, xa se sabe e os dous subliñan que «ambos somos músicos co cal xa sabemos o que é estar diante de moita xente». Uxía, natural da Bandeira toca coa Banda desta vila a frauta traveseira e Carlos coa de Silleda o trombón, como instrumento principal e o violonchelo. No programa, comentan, «vamos ir todos iguais cun vaqueiro negro e algo branco na parte de arriba, algo sinxelo». Os dous gozan coa radio que, explican, «mola porque ti pódeste expresar e podes falar do que queiras». Pese a esa paixón, Uxía quere estudar Música para ser profesora desta materia e Carlos quere decantarse pola Lingua e a literatura.