Romaría da Alarma en Forcarei para festexar un lustro de loita

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Tarabelas rendeu homenaxe póstumo a Concha Iglesias

03 may 2026 . Actualizado a las 13:19 h.

O colectivo Tarabelas na Terra de Montes festexaron onte cinco anos de loita e de unión veciñal «contra proxectos inxustos, abusivos e destrutores do noso medio e modo de vida». Foi a Romaría da Alarma celebrada cun almorzo campestre no entorno da Torre da Barciela, os restos dunha construción do século XV e que xa tiña entre as súas funcións a de convocar aos veciños para dar a alarma en caso de incursións de bandas de asaltantes.

Arredor de medio cento de veciños participaron nesta festa de convivencia na que se rendeu homenaxe póstumo a Concha Iglesias, falecida no ano da pandemia. Foi presidenta da comunidade de montes e pioneira na loita contra o proxecto do parque eólico As Penizas. Foi, apuntan desde Tarabelas na Terra de Montes, unha das voces que tivo moitísima forza e empezou esa loita que se converteu nestes anos nunha marea de unión veciñal que deu paso a todo un movemento reivindicativo na zona.

Onte os participantes na celebración, na que participaron tamén familiares de Concha entre os que se atopaba Armando, o seu home, e tesoureiro da asociación, se desprazaron ata o cemiterio da igrexa da Barciela onde está soterrada para depositar unhas flores.

Os veciños aproveitaron onte tamén para dar a benvida a súa socia máis nova, Carme do Umia, que este verán cumprirá un ano. A obra de Xosé Couceiro Bugallo  estivo presente nos actos coa lectura dun dos seus poemas. Entre os versos estaban os de «Terras de Montes outras,/ Terras de Montes labradas/ Polo Arghina Supremo/ con puntarolas sagradas/ I agora quén as esperta?/ da súa sesta eterna/quén saberá espertalas?/ só das fontes o marmurio/ só o vento as refoladas!.

Foi, apuntan desde Tarabelas na Terra de Montes «un día de celebración e coller forzas» porque o colectivo segue a loitar contra unha serie de proxectos que entenden ameazan o territorio. A festa contou coa música do grupo Virasons que comezaron animando a sobremesa «ata que o corpo aguante».