A toponimia de Galicia quedou orfa

x. a. CARBALLO / LA VOZ

DEZA

«Un servidor non deixou a súa querida bicicleta, nin o liberalizador sentido do humor, e meteuse a escritor como antes o fixera co ciclismo, unha das disciplinas máis duras e difíciles e menos recoñecidas, cal é a divulgación dos topónimos galegos». Así se autodefinía Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953), que este mediodía do 1 de maio perdeu a vida á altura do lugar de Vivente, na parroquia de Ardaña, en Carballo, cando practicaba o seu deporte preferido. Aínda que ponferradino de nacencia, viviu a súa infancia na Estrada, dende onde cando era rapaz facía excursións ate Pontevea para bañarse no río Ulla. Contaba de que, de pequeno, chegou a ir cobrar letras para axudarlle a seu pai nunha axencia bancaria, que acabou pechando. Estudou Maxisterio, licenciouse en Filoloxía Hispánica e impartiu clases en institutos de Ribeira, Vigo e outros lugares, sobre todo na vila de Carballo, onde se casou e viviu gran parte da súa vida.

No entanto, a súa principal aportación ao saber e á cultura son os numerosos estudos e libros sobre toponimia de Galicia, materia na que era un especialista. Ademais do xa clásico Nomes de Lugar, sacou moitos outros títulos relativos a esta temática, o máis recente Toponimia de Pontecesures e Padrón. Non se limitou a este campo Cabeza Quiles, que despois de xubilarse como profesor continuo dando conferencias e participando en numerosas actividades culturais e cultivando outros xéneros literarios. Así pódense destacar libros de contos e de relatos como O segredo dos zapatos, Chamáchesme moreniña, Domingo de Resurrección, Contos Azuis ou o último, este mesmo ano e en fase aínda de presentacións, Defuntos e santos inocentes, no que recolle moitas anécdotas vitais nun texto cargado de humor, retranca e grandes doses de humanidade. Tamén era un colaborador habitual de medios de comunicación, entre eles La Voz de Galicia. Ten centos de artigos espallados por xornais e revistas.

Era socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e formaba parte da directiva da Asociación Galega de Onomástica. Era, asimesmo, un dos persoeiros activos do Foro Espiral Maior de Carballo, ao que acudía a miúdo para participar das súas actividades. Días atrás, guiou un percorrido toponímico por Carballo para estudantes do municipio. O percorrido vital de Cabeza Quiles facilitoulle ese pouso de sabedoría que ía espallando na súa obra e nas súas intervencións. Dende Ponferrada, pasando pola Estrada, Barbanza ata Bergantiños, deixaron un pouso moi profundo na súa obra e na súa vida. Aínda así, no seu último libro escribía: «Carballo de Bergantiños, nunca me chames estranxeiro, porque un é de onde son a súa muller e os seus fillos, poliñas verdes deste tronco maduro, que me unen a esta terra coa forza de cen mil abrazos».

Foron moitas as mensaxes de condolencia xurdidas dende o momento da súa perda, con expresión como «os topónimos quedan orfos», por parte da artista Viki Rivadulla; ou «do mapa de Galicia desapareceron todos os topónimos», do sociólogo e amigo do finado Santi Pazos; «hoxe o mapa de Galicia nomeada enmudeceu», de Merce Barrientos, así como as manifestacións de dor por parte de Xosé María Lema Suárez, presidente do Seminario de Estudos Comarcais, ou Miguel Anxo Fernán Vello, de Espiral Maior.