A Riala abrirá en maio os seus xoves de terraceo e cultura con taquilla inversa
DEZA
A programación da taberna estradense incluirá unha vintena de actuacións entre maio e setembro
08 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A Riala Taberna volve converter a súa terraza nun pequeno epicentro cultural coa celebración dunha nova edición do ciclo [· ] de Encontro, unha proposta consolidada que aposta por achegar a cultura en directo á veciñanza e ás persoas visitantes durante os meses de primavera e verán.
Entre maio e setembro de 2026, o ciclo ofrecerá unha programación estable de concertos en directo todos os xoves ás 21.00 horas, reunindo unha coidada selección de artistas e bandas que transitan por estilos como o jazz, o folk, o rock, o indie ou a música tradicional, creando unha paisaxe sonora diversa e aberta.
O cartel deste ano inclúe nomes como Tabernarias, Jazzy Jockers, Gremio de Mareantes, Andrea & Black Cats, Pablo Estevez, Anton Ke, Moa Dixie Band, Flanagan, Xiro, Rodrigo Ramos, Claudio H., 7 Ferrados, Malabesta, Jonh Deers, Ukestra do Medio, Antares ou The Lelli Kellys, configurando un percorrido musical que dialoga entre o local e o contemporáneo.
Como xa é sinal de identidade do ciclo, manterase o formato de taquilla inversa, permitindo que o público valore de maneira libre cada actuación. Este modelo busca facilitar o acceso á cultura ao tempo que pon en valor o traballo dos artistas.
[· ] de Encontro reafírmase así como un espazo de convivencia cultural, onde a música e o encontro social se mesturan de maneira natural, fortalecendo o tecido cultural da vila e ofrecendo unha programación continua, accesible e de calidade.
O ciclo abrirase o vindeiro 7 de maio con Tabernarias.