Lalín acolle os días 13 e 14 a recollida Zampakilos Solidario en Eroski. O colectivo solidario atende na actualidade a un centenar de familias
10 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A Fundación Provincial Banco de Alimentos ten en marcha a primeira operación de recollida alimentaria deste ano, coa posta en marcha da iniciativa Zampakilos Solidario, a celebrar os vindeiros días 13 e 14 de marzo en Lalín. Nesta ocasión a campaña desenvólvese coa compañía galega de distribución Vegalsa-Eroski, e concentrarase no Eroski Center da Rúa Luis González Taboada, onde voluntarios da Asociación O Mencer exercerán de colaboradores. «A nosa colaboración co Banco de Alimentos de Pontevedra é fundamental dado que o 75 % dos alimentos que podemos repartir desde o colectivo veñen de alí», explica desde a asociación lalinense Antonio Riera.
Co gallo de artellar un óptimo desenvolvemento da campaña de recollida de alimentos do próximo venres e sábado, a organización local precisa captar medio cento de persoas voluntarias, que poidan dispoñer dunhas horas libres para a iniciativa solidaria. «Ao ser un só supermercado no que se levará a cabo a recollida precisamos menos persoas que cando se fai a Gran Recollida de novembro», apunta Riera. Os voluntarios organizaranse en varios turnos establecidos para a finalidade, cuxo horario será de 9.30 a 22 horas, con descanso fixado entre as 14.30 e 16 horas, que é cando se rexistra unha menor afluencia de compradores no supermercado. A intención da Asociación O Mencer é realizar en cada unha das xornadas de recollida cinco turnos rotatorios de atención aos clientes, con tres persoas en cada un deles. «Como é habitual haberá xente da asociación, pero tamén buscamos caras coñecidas do pobo que nos queiran axudar». Os interesados en sumarse á iniciativa poden anotarse nas propias dependencias do Eroski Center ou no colectivo lalinense.
Formato mixto de colaboración
O Zampakilos Solidario desenvolverase, como é habitual, nun formato mixto co que as persoas poderán facer doazóns de alimentos ou realizar achegas económicas ao pasar pola caixa do supermercado. Pola experiencia que acumula Antonio Riera neste tipo de iniciativas, a entrega de alimentos é a forma máis seguida polos colaboradores. «Coas doazóns en caixa o Banco de Alimentos de Pontevedra pode adquirir o que precisa, aquelas cousas onde hai máis deficiencia, pero aquí a maioría fai unha entrega de alimentos non perecedoiros». O aceite, leite, legumes, conservas ou galletas seguen ocupando os primeiros postos dos alimentos máis consumidos e demandados polas familias en situación de exclusión que acoden a colectivo como O Mencer. «Precisamos os alimentos que usamos nas nosas casas e que nos permitirán axudar ás 100 familias que atendemos actualmente desde O Mencer, familias latinoamericanas, que chegan sen recursos nin papeis, pero tamén nacionais que axudamos mentres o necesitan. Certo é que temos unha importante permuta de familias na asociación xa que ao ter un traballo ou papeis en regra danse de baixa».
A atención ao cento de familias lalinense que se atopan en situación de risco pode materializarse grazas o inxente traballo dos voluntarios de O Mencer, Banco de Alimentos de Pontevedra e as achegas dunha morea de persoas, «e tamén é destacable a achega que nos fai Mercadona de carne, peixe e hortalizas e tamén de produtos conxelados que nos remite o propio banco provincial».