Aplaude a rebaixa na AP-53, pide eliminar burocracia e axuda a proxectos
16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.David Campos Cortés, que afronta os seus últimos meses de presidente á fronte da Asociación de Empresarios de Deza antes da convocatoria de eleccións á xunta directiva -que se oficializará por maio ou xuño-, aproveitará un ano máis a Xuntanza Empresarial do próximo día 22 para reflectir potencialidades, carencias e o futuro do sector.
—Pasou un ano. Á vista unha nova xuntanza empresarial, e ás costas meses de asuntos positivos e outros seguramente non tanto.
—Foi un pouco como o ano da marmota, con proxectos importantes que non saíron adiante a pesar de intentalo. Por unha banda está a posta en marcha dunha plataforma en liña, que está montada desde fai dous anos e que está pendente dous anos despois á espera dunha axuda, que non é nin moita, por parte dalgunha administración pública para poñela en marcha. Vemos que vai ser difícil encaixalo coas administracións, pero nós queremos ofrecer unha formación gratuíta para socios e aproveitar a plataforma para vender a formación a asociacións de España, e que os ingresos procedentes de dita venda permitan sacar adiante o resto dos cursos. Sería un negocio que se mantería só, pero o problema radica en que ao ser un lucro no nos poden dar axudas. Con todos os meus respectos polas normativas, paréceme unha estupidez. Estamos pois arrancando un proxecto parecido, presencial, en formación en Intelixencia Artificial para o comercio. O seguinte será intentar sacar nós esa formación pero non poderá ser gratuíta. A outra pata pendente é un acordo que tiñamos con dous institutos de recoñecido prestixio internacional que se dedican a buscar talento directo para as empresas que o precisan, e fórmano. É un proxecto que precisa instalacións e pouco máis, pero non o conseguimos. As dúas empresas botáronse atrás pola demora de dous anos, e agora temos conversas con outra firma que se dedica a isto. Intentaremos sacalo adiante coas nosas instalacións e financiamento.
—Algunhas novas positivas houbo. A rebaixa na AP-53 tan demandada é unha realidade.
—Foron anos de loita, e dáme igual quen foi o autor da última rúbrica, felicito e agradezo a todos os que o fixeron posible ao ser moi beneficiosa a rebaixa para empresarios e veciños. Os empresarios non estamos para pelexar, estamos para buscar solucións e que sexan rápidas xa que así o precisamos.
—Falaba de inmediatez naqueles temas que lle urxen ao sector. A 4ª fase do polígono de Lalín estará lista para o 2027, según os datos recentes. A falta de chan industrial segue apremiando ao empresario?
—Precisabamos chan industrial no ano 2010, agora evidentemente tamén. Cando cheguei á AED como vogal, sendo presidente o meu curmán Alejandro (Campos), no 2012 xa se falaba da necesidade de terreos. Vou marchar no 2026, en que deixarei os meus cargos despois de 14 anos, e continuarase reclamando chan industrial. Tiña que estar feito fai 15 anos. Alégrome das verbas do alcalde de que é unha inversión histórica a que se vai facer no polígono, pero tamén estou de acordo cos que din que chega tarde. En reiteradas ocasións dixen que era moi necesario contar con superficie suficiente para que se asentasen empresas. Iso tradúcese en que se fixa poboación, dáse emprego e é un ben para todos. É o mesmo que o noso proxecto, todo repercute en todo.
—A conselleira de industria daba conta na última xuntanza das zonas de aceleración. Espertou interese, pero semella que está todo parado.
—Tivemos un par de reunións. Había xente interesada, pero os tempos que propón a administración non son os que require a empresa privada. Unha firma non pode esperar 5 anos para sentarse, e o nivel de burocracia é tal que se necesitan 2 persoas só para cubrir documentación.
Unha asociación máis moderna e dixitalizada
A pesar desa enorme carga burocrática que levan ás costas empresas e asociacións, e insistindo David Campos en que «estamos para producir e dar traballo, e non para cubrir papeis», tórnase en xeral satisfeito dun ano de accións e formacións na Asociación de Empresarios de Deza, que debullará de forma detallada diante dos asociados na xuntanza anual do sábado 22 de novembro. Contento polo recoñecemento que ten a asociación a nivel autonómico, «ao mellor máis que na casa, e que deixarei, penso que, máis modernizada e dixitalizada. Unha asociación máis do século XXI», significou Campos que se manterá na presidencia da patronal ata que se convoquen eleccións. Enfila os últimos meses de mandato coa satisfacción de que «queda unha asociación ben posicionada desde o punto de vista financieiro, en boa medida pola subida das cotas aos socios que impulsamos desde a directiva da AED».
No balance dos anos vividos no seo da Asociación de Empresarios de Deza, máis especialmente na súa calidade de presidente, David Campos bota de menos o non haber logrado a peonalización de Lalín, comenta. «Cando fun elexido presidente quería logralo polo ben do comercio, aínda que sei que hai moita xente en contra da peonalización, pero tamén digo que non coñezo a ninguén que entre a mercar co coche. Era un proxecto que tiña en mente, e non puido materializarse. Non o conseguín, pero tampouco é unha medida que dependa da asociación». Lembra David Campos o estudo realizado por Xosé Manuel Bouzón, «que quedou no caixón, e ao que finalmente non se lle deu curso», lembra con certo pesar.
Anos vividos na Asociación de Empresarios de Deza con etapas diferenciadas nas que Campos Cortés entrou como vogal, según lembra, e que remata como presidente. «Creo que quedará unha mellor asociación da que atopei cando entrei como presidente, cuns técnicos moi profesionais, e aproveito xa para comprometerme a axudar ás persoas interesadas en coller as rendas da asociación».
Patronal que convoca novamente aos seus socios ao encontro anual, que servirá para testar o pulso da actualidade do sector empresarial e as liñas de traballo que se perfilarán para os vindeiros doce meses.