A tradición e as labores no rural serán protagonistas na Festa da Malla

naiara González LALÍN / LA VOZ

DEZA

Celebrarase este sábado 23, cun programa repleto de actividades e música

20 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte celebrouse en Lalín a presentación da Festa da Malla Tradicional de Doade (Lalín), declarada Festa de Interese Turístico de Galicia na que a Asociación de Amigos Museo Casa do Patrón leva «26 anos mallando». Nela, represéntase a antiga xuntanza e colaboración popular para a tradicional produción do pan levada a cabo polo conxunto da parroquia. Este ano, a celebración será este sábado 23, e ofrecerá unha xornada repleta de actividades e música, que comezará ás 11.00 e se prolongará ata as 21.30 horas, aproximadamente.

Na presentación interviron a concelleira de Cultura de Lalín Begoña Blanco, Manolo Blanco, Avelino Jácome e Maximino Míguez, organizador e colaboradores da festa. A concelleira sinalou o orgullo do Concello de Lalín ante a continuación desta festividade así como o importante legado cultural que se transmite con estas actividades. Pola súa parte, Manolo Blanco resaltou de novo a importancia de apoiar a cultura e o rural galego a través deste tipo de representacións, e fixo un chamamento á xente máis xoven para manter vivas estas iniciativas. Maximino Míguez e Avelino Jácome mostraron o seu agradecemento e tamén o desexo porque non se perda esta festa e o sentimento que conleva. «A malla vai ser eterna, porque cando as obras se fan dende o corazón, trascenden os tempos», apuntou Avelino Jácome.

Nesta edición espérase unha gran afluencia, que podería dobrar a do pasado ano. Ademais, prevese un bo clima, a pesar dos lumes que se están a vivir na nosa terra, un dos temas máis presentes ao longo do encontro e polo que se mostrou gran preocupación. Malia isto, a malla continúa cun programa moi completo e con actuacións múltiples grupos.

A xornada comezará ás 11.00 horas coa mostra de artesanía, maquinaria e pintura, seguida da actuación dos Trasnos de Doade que abrirán o pasarrúas. Ás 12.00 horas procederase á representación da malla tradiciona, na que se explicarán as cinco modalidades propias de Galicia. Ás 13.00 horas a charanga Os Ardores actuarán, antes do xantar popular que comezará ás 14.00 horas, e para o que se espera unha gran afluencia.

Pola tarde, ás 16.30 horas comezará a onceava edición do Serán da Malla, na que actuarán os seguintes grupos: A Banda de Gaitas e Danza O Irixo, Amigos do Acordeón Terras de Celanova, Agrupación O Carballo da Manteiga, Grupo de Gaitas os Dezas de Moneixas, Pandereteiras A Xariza de Parada, Banda Os Rexumeiros, Música Tradicional Mistura e o Grupo de Gaitas Os Trasnos de Doade. Para finalizar a xornada, o grupo Ailá de Santiago pechará o programa musical ás 19.30 horas.

Mostra de artesanía

Pola mañá terá lugar a mostra artesanal, na que participarán uns dez postos de artesáns de toda Galicia. Haberá tamén unha mostra de maquinaria a cargo de Maximino Míguez, experto no tema, así como unha exposición de pintura. A última trátase dunha iniciativa incorporada ao programa hai tan só cinco anos, pero que cada edición conta con máis afluencia e apoio de artistas da zona, indica Manolo Blanco.