Afección polo descafeinado, que se converte en colección

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Adrian Freiria

José Luis Abeledo, «Bibí», ten uns 300 sobres de distintos países do mundo, que comezou a gardar dende o ano 1996

22 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen coñece a José Luis Abeledo, «Bibí» para familia, amigos e clientela do Bar de Mili, sabe que é un home polifacético ao que lle gusta buscar materiais de desuso que posteriormente pasarán a algunha das súas pezas abstractas, darlle cabida no local a artistas para que colguen a súa obra, pero tamén -e posiblemente, en menor medida- á súa colección de sobres de descafeinado. Máis que colección, apunta, «foi o desexo de saber cantas marcas podía haber de descafeinado o que me fixo comezar con todo isto».

Pero a historia arranca no ano 1996 cando uns problemas escomarcais fan que Bibí deixe de tomar café, e colla un sobre de descafeinado. «A partir de entón fun gardando, algunhas persoas tamén me trouxeron, e ata hoxe», comenta.

Conta actualmente con 251 sobres pequenos de descafeinado perfectamente colocados, e enmarcados baixo tres cristais no corredor da cafetería, que a clientela pode perfectamente visualizar ao acceder ao local. A maiores, outro medio cento está agardando pacientemente a ser colocado nalgunha outra vitrina, ao mellor nun futuro próximo. Da procedencia dos sobres de descafeinado hai un chisco de todo, afirma Bibí, sendo a maioría do territorio español, pero tamén se poden ver sobres de descafeinado do Reino Unido, Italia, Túnez e mesmo Saigón. Procedencias lonxanas de distintas marcas de café descafeinado froito de desprazamentos de amigos de Bibí, «que saben que teño esta afección, e tráenme algún sobre».

O 80 % dos 251 sobres que se poden ver na cafetería lalinense foron aportados polo propio autor da colección, quedando o 20 % restante en aportacións de amizades. Algunhas das marcas que se poden ver xa son auténticas pegadas da historia cafeteira, «moitas xa non existen, e agora hai menos sobres tamén de descafeinado ao ser máis demandado o de máquina». A gozar dunha colección insólita!