A artesá a foi protagonista do ciclo «De pioneiras e andainas»
25 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Premio Nacional de Artesanía, Elena Ferro (Vila de Cruces, 1975) foi protagonista dunha xornada dedicada á súa figura e aos oficios tradicionais promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG) no marco do ciclo De pioneiras e andainas, que impulsa o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF).
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da xornada e do CDIF, Carme Adán, inauguraron unha cita na que, ademais da propia zoqueira cruceña, participaron a xornalista estradense Marga Pazos, a escritoras Brigitte Vasallo e tres novas artesás galegas. A actividade rematou cunha interpretación musical de Guadi Galego, culminando unha xornada na que se analizou a súa traxectoria e a importancia do seu legado.
Na sesión da mañá a escritora Brigitte Vasallo puxo énfase na infancia de Elena, no seu entorno e a pegada do rural na súa traxectoria. «Non poderiamos entender a Elena Ferro sen a casa na que naceu. Fixo cousas que a modernidade industrial se encargou de dicirnos que non era posible, demostrou que se podía traballar dende o lugar que non é cidade e o que fai Elena non é traballo, é un labor», sinalou.
Acto seguido, Mariám Mariño, técnica do CCG fixo un percorrido visual polos momentos da súa vida, dende a nenez ata a actualidade. 67 fotografías e 65 documentos que forman parte do proxecto Cartografía de Elena Ferro.
A xornada continuou con diferentes relatorios e mesas redondas nas que se analizou o legado da artesá de Vila de Cruces. «Eu son o que son por Elena Ferro. Cando cheguei ao seu taller vin a súa familia, a complicidade, o traballo... souben que iso era o que quería ser», comentou Mercedes Veites Pérez, unha das artesás que participaron na actividade. «Foi un referente na conversación, transmisión e actualización dun oficio artesanal tradicional como é a elaboración de zocos, un produto vinculado ao pasado e ao rural galego, que ela converteu nun produto contemporáneo», declarou Elena Fabeiro, xerente da Fundación Pública da Artesanía de Galicia.
«Antes de zoqueira fun feirante e as feiras foron a miña universidade», dicía Elena Ferro durante a conversa con Marga Pazos. «O meu lugar dos xoguetes era o obradoiro», engadía a cruceña na súa intervención.