Recoñecemento a Unidade de Docuemntación que opera no Concello
02 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Co gallo do bicentenario da creación da Policía Nacional e a festividade dos Santos Ángeles Custodios, o seu patrón, reuníronse en Lalín máis de medio centenar de membros deste corpo en activo e xubilados da comarca dezá e doutras de Galicia, para ambas celebracións e ao tempo, ter un recoñecemento para os compoñentes da Unidade de Documentación de Lalín, instalada en dependencias da casa consistorial. Acompañaron aos axentes algúns dos seus familiares e personalidades locais e autonómicas especialmente invitadas.
Da organización do evento encaráronse o fotoperiodista lalinense Manuel Seixas e o ex inspector de policía afincado en Lalín, Manuel Regueiro. Fronte a estatua do aviador Loriga os asistentes posaron para unha foto que perpetuará esta xuntanza, para marchar despois polas céntricas rúas da vila ata o restaurante Casa Currás, ao son da música do coñecido gaiteiro dezao, Plácido Rozas.
Antes do xantar de confraternidade, houbo un acto de recoñecemento para cos funcionarios da Unidade de Documentación da Policía Nacional que ten as súas instalacións na Casa do Concello de Lalín dende 2015, sendo o encargado da tramitación de documentos de identidade e pasaportes dos cidadáns e integran na actualidade o subinspector Francisco Javier Carrera —que foi o encargado de recoller unha escultura e un diploma de la Orden de la Amistad que lle entregou o que fora Comisario Principal e agora Honorario da Policía Nacional, o lalinense Rafael Abeledo— e os policías Sergio Carrón, Jesús Prieto, Jesús Otero e Segundo García, tamén presentes nos actos.
A continuación o alcalde de Lalín, Crespo Iglesias, que recibiu de mans do citado Rafael Abeledo o agasallo dunha moeda conmemorativa do Bicentenario da Policía Nacional, fixo entrega de outras iguales aos dous policías máis lonxevos de cantos estaban presentes no evento e os organizadores agasallaron ao arcipreste de Deza, Marcos Torres, cunha métopa coa imaxe dos Anxos Custodios, en recoñecemento ó seu labor pastoral e social na comarca dezá, rematando os actos coa interpretación do novo himno da Policía Nacional cos presentes postos en pé.