O oncólogo Víctor Cebey gaña o certame de poesía Avelina Valladares con «Do A ao X»
DEZA
O poemario impúxose entre os 34 orixinais presentados
02 ago 2024 . Actualizado a las 20:49 h.Os itinerarios profesionais obrigan a miúdo a escoller entre ciencias ou letras. E sen embargo hai persoas con talento contrastado nos dous campos do saber. O caso de Víctor Cebey López (Carballo, 1989) é unha nova evidencia.
Víctor Cebey, que na súa faceta profesional é oncólogo médico no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, acaba de converterse no gañador da vixésimo oitava edición do premio de poesía Avelina Valladares, convocado polo Concello da Estrada.
A súa obra, Do A ao X, foi seleccionada entre un total de 34 orixinais presentados ao certame poético. O xurado —integrado por David Otero Fernández, Rosalía Morlán Vieites, María Begoña Porto Brea e Esteban Folgar Brea, con Dolores Araújo Arias como secretaria— elixiu o poemario de Víctor Cebey por unanimidade. Na súa acta define a obra como «unha proposta cualitativa e lograda de poesía chea de frescura nestes tempos de calores e trebóns non buscados». «Poemas feitos de versos xenerosos de amplitude comprensiva. Ben nos veñen á cabeza. Non desaparecen, aínda que o universo queira xogárnola», explica o xurado.
«Para min a poesía é un método de liberación e unha necesidade»
Víctor Cebey comezou a flirtear coa escrita no instituto, cunha serie de relatos curtos. A Universidade obrigouno a baixar o ritmo, pero na pandemia apertou a poesía para darlle saída á sía necesidade de expresión. Desde entón auto publicou algún poemario coa única intención de compartilo cos amigos, sen distribuílo sequera. A obra Do A ao X, que leva por subtítulo O que comezou pero non acaba, é unha recompilación de poemas sen un eixe temático claro. Os sentimentos, a morte e, sobre todo, a vida percorren os versos.
«Para min a poesía é unha necesidade. É unha forma de pensar en min mesmo e un método de liberación emocional ás veces», explica Víctor Cebey. «No noso traballo temos contacto con moitos tipos de sufrimento e tendo en conta que pasamos un terzo da nosa vida no traballo, hai algo deso nos versos, pero tamén moito da miña vida persoal», comenta. O autor non quere falar de significados. «Unha cousa é o que eu queira expresar dunha forma sincera e outra o que interpreta o que o le desde fóra. Iso é o bonito da poesía», di.