«O teatro é a ferramenta terapéutica para loitar contra a soidade»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

As aulas interxeracionais de teatro, con grupos en Silleda e Lalín, abren representacións

25 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No pasado mes de outubro comezaba un novidoso proxecto, que baixo o nome de 5 x 5, pretendía dar cabida a persoas de idades dispares pero unidas por un mesmo interese: o teatro. As aulas teatrais interxeracionais iniciaban a captación de alumnos e fixeron grupos en Lalín e Silleda, ademais de Mazaricos, Vedra e Allariz. Cinco agrupacións en cinco concellos diferentes, que despois de elaborar os seus respectivos espectáculos, están xa mergullados na representación dos mesmos. A idea e a produción destas aulas é de José Díaz, mentres que Iria Azevedo levou a coordinación deste proxecto, ademais da dirección xunto a Clara Gayo e Arantza Villar.

—Cal é o obxectivo deste proxecto 5x5?

—Jose (Díaz) entende que como sociedade temos algunhas eivas e que é preciso traballar nelas para subsanalas. É difícil atopar actividades nas que unha persoa moza entre en contacto directo coas que poden superar os 60, 70 ou 80 anos, e que sexa nun contexto de formación e diversión. Pensamos que o teatro é unha ferramenta perfecta para combater a soidade, o individualismo ou o sedentarismo nun tempo no que se aprecia unha excesiva dependencia da tecnoloxía nos momentos de lecer, sobre todo por parte dos máis novos.

—Pero aulas de teatro ou escolas teatrais hainas en Galicia.

—É certo. Tamén fixéronse mostras de teatro que itineraron por concellos galegos, pero pensamos que nunca se fixo en cinco localidades tan distantes como estamos a facer: Mazaricos, Silleda, Vedra, Allariz e Lalín. Mazaricos, por exemplo, recibe ás aulas de Allariz e Bandeira e Vedra contará cos grupos de Lalín e Mazaricos.

—As persoas participantes no proxecto xa tiveran contacto co teatro ou chegaron por primeira vez?

—Temos de todo, pero maioritariamente nunca estiveron en contacto cunha peza teatral ata a data, claro que tamén se deu cabida a profesionais que levan décadas adicadas á docencia. Todos os participantes están unidos polo seu interese por esta disciplina na que traballas todo o corpo, a voz, a memoria e nos permite alonxar a soidade na que viven moitas persoas, como dicía antes... Todos, independentemente da súa idade ou casuística, comparten a mesma ilusión polo que están facendo e nótase.

—Pezas que son tamén orixinais.

—Si. Crearonse as pezas para este proxecto en particular. Poderedes ollar obras diferentes dentro deste calendario de mostra itinerante de teatro que comezou onte, e continúa hoxe, na Casa da Cultura de Mazaricos.

—Finalmente conseguiron idades moi dispares nos cinco obradoiros de teatro?

—Moi diferentes. A máis noviña ten 9 anos e a persoa de máis idade 88. É marabilloso ver encima do escenario varias xeracións e ver a forma en que se complementan uns e outros. A verdade é que o máis importante é o propio proceso que se está desenvolvendo, e estamos moi orgullosos da experiencia.

—Están en plena representación dentro do calendario da mostra itinerante, pero pensan en repetir experiencia?

—Este proxecto que é de Fósforo, Arte e Cultura e conta co apoio de Agadic-Xunta de Galicia, e os concellos de Lalín, Silleda, Allariz, Mazaricos, Vedra e a Asociación Papaventos, e está financiado pola Unión Europea con Fondos Next Generation, Plan de Recuperación do Goberno de España, Ministerio de Cultura a través do Programa Territorio da Consellería de Cultura non contará seguro con estas mesmas condicións para poder materializar outra edición, pero intentaremos manter as aulas teatrais interxeracionais.

«Cada formación vai actuar no seu concello de orixe, e levará a súa obra a outros dous»

Os cinco meses de formación e creación escénica cos veciños de cada un dos concellos participantes remata agora coa produción dun espectáculo que ten un concepto común: o Camiño. Un proceso que conclúe coa celebración da Mostra Itinerante de Teatro polos cinco concellos participantes, «de tal xeito que cada formación municipal vai actuar no seu concello pero tamén noutros dous, creando así cinco fins de semana de teatro que sumará un total de quince representacións», comenta Iria.

O grupo de Lalín, que conta con 21 participantes, representará o 24 de marzo no Salón Teatro a súa obra «Casa rural con encanto». Ao día seguinte estará a agrupación de Vedra, e o domingo día 26; a aula de Mazaricos. No caso de Silleda, as actuacións terán lugar no Auditorio de A Bandeira con escenificación de «Enredos», o 3 de marzo, a cargo do grupo silledense integrado por dez persoas. Os silledenses recibirán a visita dos grupos de Allariz e Lalín os días 4 e 5 de marzo, respectivamente, pero tamén actuarán hoxe mesmo na Casa da Cultura de Mazaricos. Pola súa banda a aula de Lalín tamén viaxará ao Centro Sociocultural de Vedra para actuar alí o próximo 11 de marzo. «Aí está esa itinerancia das agrupacións, xuntando a persoas de idades tan diferentes e con realidades moi diversas. Grupos con estudantes, traballadores, xubilados ... e con condicións sociais de toda índole, pero cunha experiencia emocionante que precisa de valentía e traballo colaborativo», explica Azevedo.

Por outra banda e como actividade paralela, os participantes nas aulas interxeracionais de teatro crearán un mapa emocional dos seus concellos, que estará a disposición dos interesados nunha páxina web propia unha vez remate a xira dos espectáculos.